A Xunta publica no DOG a declaración de Monforte de Lemos como oitava Área Rexurbe de Galicia

A posta en marcha da Área Rexurbe busca poñer en valor o conxunto histórico deste municipio, así como das catro zonas da contorna, Ramberde, Carude, Praza do Piñeiro e ribeiras do Río Cabe

Tras a declaración no Diario Oficial de Galicia, o seguinte paso é a aprobación do plan de dinamización, que ten que elaborar o Concello para coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á rexeneración destes ámbitos

No eido arquitectónico, as liñas de actuación dirixiranse a mellorar a conservación do patrimonio, reducindo as edificacións en estado deficiente

En relación ao eido económico, a área permitirá promover a introdución de novas tipoloxías empresariais nos locais comerciais baleiros existentes no conxunto

Con esta declaración da Área Rexurbe xa son 8 os conxuntos históricos con esta figura: Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos.

En Monforte tamén está declarada a Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Burgo medieval e ademais este municipio está incluído na ARI supramunicipal da Ribeira Sacra

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2024

A Xunta vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración en Monforte de Lemos como oitava área Rexurbe de Galicia co fin de poñer en valor o seu conxunto histórico artístico e a súa contorna.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240819/AnuncioC3Q2-080824-0001_gl.html

O Concello de Monforte de Lemos solicitou a declaración de Área Rexurbe no conxunto histórico, así como as súas catro zonas da contorna, Ramberde, Carude, Praza do Piñeiro e ribeiras do Río Cabe. O ámbito da citada área consta dunha superficie de 0,69 Km2, 1.867 habitantes, 1.126 edificios e 1.704 vivendas e 522 locais comerciais.

As áreas Rexurbe son zonas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características precisan dunha maior implicación da administración autonómica e local para revitalizar o seu ámbito.

A solicitude de declaración dunha área Rexurbe preséntase por parte dos concellos cunha proposta que delimitará o ámbito e comprenderá, de xeito detallado, a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica que se pretende levar a cabo para conseguir a efectiva recuperación e dinamización do ámbito.

Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o seguinte paso é a aprobación do plan de dinamización, que ten que elaborar o Concello para coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á rexeneración destes ámbitos. O obxectivo é manter e mellorar as dinámicas e servizos do conxunto histórico como espazo central, contribuíndo a dinamizar a zona e a mitigar o despoboamento.

Trátase de fomentar a rehabilitación e rexeneración, con especial énfase nos inmobles en ruínas; mellorar as conexións co resto da cidade; impulsar a actividade económica tanto para a poboación residente como a turística; e contribuír á cohesión social.

Liñas estratéxicas

De xeito máis concreto, no que se refire ao eido arquitectónico, as liñas de actuación neste dirixiranse a mellorar a conservación do patrimonio edificado público e privado, reducindo as edificacións en estado deficiente.

Para isto, propiciarase un estudo do tráfico e estudaranse novos usos innovadores para os locais comerciais baleiros no conxunto histórico.

Tamén se incidirá especialmente na iluminación, eliminación de pintadas non artísticas, recuperación de mobiliario urbano e daqueles ámbitos deteriorados pola presenza do vehículo a motor.

En relación ao eido económico, a área permitirá promover a introdución de novas tipoloxías empresariais nos locais comerciais baleiros existentes no conxunto. Será precisa a mellora das infraestruturas de telecomunicacións -fibra óptica e locais comerciais sen acceso a internet.

Área de rehabilitación

Cómpre lembrar que en Monforte de Lemos declarouse a Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Burgo medieval e zonas de influencia, quedando incluída no ámbito da área Rexurbe.

Ademais, este municipio está incluído na ARI supramunicipal da Ribeira Sacra, declarada mediante resolución do 21 de febreiro de 2020, que comprende 25 concellos.

Por outra parte, con esta declaración da área Rexurbe en Monforte de Lemos xa son 8 os conxuntos históricos declarados BIC que contan con esta figura: Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2024