A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Trasmiras estudan iniciativas para mellorar o abastecemento de auga na localidade

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, estudaron nunha reunión que mantiveron recentemente diversas iniciativas de cara a mellorar o servizo de abastecemento de auga na localidade.

Nesa liña, o rexedor trasladoulle á conselleira o proxecto municipal para construír un depósito de 500 m3 de capacidade, situado a unha cota de 710 metros, así como unha rede de condución ao mesmo de preto de 3.600 metros de lonxitude.

Esta actuación permitiría captar auga dos mananciais que se localizan nas cotas altas do municipio, polo que se reducirían as necesidades de bombeo co conseguinte aforro tanto de consumo enerxético como de reactivos e aditivos, xa que o depósito debería contar con sistemas automáticos de cloración e de análise en continuo

A conselleira explicoulle ao alcalde que Augas de Galicia estudará a proposta municipal e incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2024