A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe o CRFS de Carballedo no marco da súa rolda de contactos para coñecer o funcionamento destas instalacións

A Xunta pon en valor o traballo dos centros de recuperación de fauna silvestre de Galicia para garantir a protección da biodiversidade

Marisol Díaz incide no papel fundamental que teñen estas instalacións no coidado e recuperación de animais que non están en condicións de subsistir por si sos no medio

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 9 de agosto de 2024

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo en valor esta mañá o labor que se leva a cabo nos catro centros de recuperación de fauna silvestre (CRFS) que xestiona a Xunta en Galicia e agradeceu ao persoal técnico e veterinario que traballa neles a súa entrega e contribución á protección da biodiversidade galega.

Durante unha visita ao centro de Carballedo, localizado no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, a responsable autonómica incidiu no papel fundamental que exercen estas instalacións para ofrecer un coidado axeitado e traballar na recuperación dos exemplares de fauna silvestre autóctona que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural debido a causas tales como traumatismos, enfermidades, intoxicación, astenia ou caída dos niños, entre outras.

A maiores, Marisol Díaz explicou que o obxectivo final dos CRFS é buscar a reintegración destes animais no seu hábitat no momento en que haxa garantías de que se poidan alimentar, reproducir e evitar aos seus predadores, precisando que se isto non chega a ser posible, o obxectivo é lograr a súa inserción en programas de conservación ou de educación ambiental.

O centro de recuperación de fauna pontevedrés é un dos catro existentes en Galicia —un por provincia— que están baixo a xestión da Xunta. Así, ás instalacións de Carballedo súmanse as de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros; as do Alto do Rodicio, no municipio ourensán de Maceda; e as do Veral, localizadas en Lugo.

Durante o ano 2023 os catro centros galegos recibiron e atenderon a un total de 4.830 animais, a maioría deles aves, aínda que tamén trataron un número importante de mamíferos e de réptiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/08/2024