A Xunta inicia a construción dun edificio de 12 vivendas de promoción pública en Lamas de Abade, en Santiago

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe o inicio das obras deste inmoble, no que se invisten 2,5M€ e teñen un prazo de execución de 13 meses

A Administración autonómica iniciará a finais deste verán outra promoción de 24 vivendas nesta área de Lamas de Abade

No Castiñeiriño están en marcha outras 24 vivendas de promoción pública

Unha vez rematadas, estas 60 vivendas de promoción pública serán adxudicadas en réxime de alugueiro social

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é propietario na actualidade de 271 vivendas de promoción pública en Santiago, adxudicadas en réxime de alugueiro

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe o inicio das obras dun edificio de 12 vivendas de promoción pública en Lamas de Abade e destacou que a Administración autonómica “segue a avanzar no compromiso para facilitar á cidadanía o acceso á vivenda digna, de calidade e accesible”.

O inmoble cuxas obras acaban de comezar hoxe en Lamas de Abade sitúase na rúa Constantino Limia Nogueira e contará con planta baixa e dúas plantas altas e 12 vivendas de 3 e 2 dormitorios, todas elas con terraza. O investimento acada os 2,5M€ e o prazo de execución é de 13 meses, de xeito que se prevé que o edificio estea rematado o vindeiro verán.

Xunto a este inmoble, a Xunta promove na actualidade en Santiago outras 48 vivendas de promoción pública noutras dúas parcelas en Lamas de Abade e O Castiñeiriño, que aborda unha vez concedida a licencia municipal. As 24 previstas en Lamas de Abade están adxudicadas e comezarán este mesmo verán e as do 24 Castiñeiro xa están en marcha, de xeito que se prevé que ambas estean rematadas tamén ao longo do vindeiro 2025. No conxunto das tres promocións, a Administración autonómica realiza un investimento de 11,4M€.

O total de 60 vivendas adxudicaranse unha vez rematadas en réxime en alugueiro entre persoas que estean inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. “Con estas promocións -destacou hoxe a conselleira- seguimos a incrementar o parque de vivenda pública en Galicia. Seguimos construíndo fogar e construíndo un futuro mellor para moitas familias”.

M. Allegue lembrou que, na actualidade, o IGVS é propietario de 271 vivendas de promoción pública en Santiago, adxudicadas en réxime de alugueiro social, e que se traballa co Concello na cesión de parcelas municipais para construír vivenda, dentro da Estratexia de Solo Residencial que ten en marcha a Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2024