Belén do Campo supervisa un novo ascensor instalado coas axudas da Xunta para facer máis accesibles os edificios residenciais e vivendas

A Xunta destina este ano 11M€ para este tipo de actuacións

As intervencións subvencionables teñen como fin facilitar a adaptación tanto interior como exterior de inmobles de tipo residencial a través, por exemplo, da instalación de ascensores e salva escaleiras, así como de calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nas propias vivendas e edificios, e nas vías de evacuación

A Coruña, 8 de agosto de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisou hoxe o novo ascensor instalado na rúa San Andrés, grazas a un apoio da Xunta de 137.000 euros, que tivo un custo total de 172.000 euros. As obras consistiron na instalación dun ascensor, dunha rampla de escaleiras no portal, colocación dun novo pasamans e renovación da porta do portal para cumprir cos requisitos de accesibilidade.

Belén do Campo explicou que esta actuación foi posible gracias ás axudas para mellorar a accesibilidade tanto en edificios residenciais colectivos como en vivendas individualmente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

A Xunta destina, este ano,  11M€ para atender á importante demanda de solicitudes recibidas, que superaron o milleiro. O obxectivo destas axudas é apoiar á cidadanía no financiamento de obras e instalacións que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas, faciliten o acceso ou favorezan a autonomía e a mobilidade tanto en construcións unifamiliares como en edificios de tipo residencial colectivo e nas vivendas que os integran. Ademais, as actuacións poden realizarse non só dentro dos inmobles senón tamén nos espazos comúns, como xardíns ou zonas deportivas, e naqueles que serven para comunicalos co exterior.

Entre as obras subvencionables incluíronse  por exemplo, a instalación de ascensores, salva escaleiras, costas ou mecanismos motorizados para abrir portas; as reformas dos accesos desde víaa pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, táctiles ou sonoros; dispositivos electrónicos de comunicación co exterior; a aplicación de domótica e outra tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal; e calquera intervención que facilite a accesibilidade universal no interior das vivendas, nos propios edificios, así como nas vías de evacuación.

En canto aos beneficiarios, puideron acollerse ao programa persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, comunidades veciñais, sociedades cooperativas e empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios.

Con carácter xeral, as axudas cobren como máximo, o 60 % do custo da actuación que se acometa, aínda que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se en a vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou que sexa maior de 65 anos

Así mesmo, o prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios de tipoloxía residencial colectiva será de 24 meses tendo en conta que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren de máis tempo. En calquera caso, as actuacións subvencionadas deberán estar finalizadas antes de 1 de decembro do ano que vén.

En 2022 o orzamento asignado a esta liña foi de 4,3 millóns de euros e ante a elevada demanda detectada, a dotación da segunda convocatoria incrementouse ata os 9 millóns, contía que se volveu a reforzar este ano, alcanzando os 9,42 millóns de euros.

No período 2022-2023 a Xunta concedeu 364 axudas directas para facer máis accesibles vivendas e edificios de carácter residencial. O importe outorgado superou os 12 millóns e grazas a estas subvencións, propietarios particulares, comunidades e inquilinos puideron executar melloras e adaptacións en case 2.000 vivendas no conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2024