A Xunta de Galicia adxudica por 158.000 euros as obras de dragaxe para recuperacion de calado no peirao de Camelle, en Camariñas

O conselleiro do Mar visitou a zona na que se extraerá o material que será empregado para a rexeneración da praia da localidade dada a súa calidade ambiental

Santiago, 06 de agosto de 2024

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de adxudicar as obras de dragaxe do porto de Camelle, no municipio coruñés de Camariñas. Así o comunicou esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares nunha visita á zona acompañado polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez, na que informou de que o orzamento de adxudicación dos traballos é de 158.000 euros, IVE incluído.

Villares explicou que as obras previstas consisten na extracción dos áridos do fondo mariño para a recuperación de calado ata a cota -2. Actuarase nunha superfície de 7.500 metros cadrados fronte á liña de atraque do peirao para mellorar as condicións de operatividade do porto e as zonas de manobra dos buques. En concreto, na zona de atracada dragarase area entre as cotas -1 e -2 debido á existencia de rocha, mentres que no resto da zona portuaria a retirada de áridos acadará a cota -2.

Ademais, o conselleiro reseñou que, dada a súa calidade e caracterísiticas, o material que se extraerá é compatible coas características dos áridos da praia de Camelle polo que se aportará a dito areal. Para elo empregaranse dous procedementos de dragaxe en función das zonas. Na zona máis próxima ao peirao e a rampla de varada, a maquinaria de extración cargará o material en camión para posteriormente depositalo na praia, mentres que no resto da dársena o material extraerase por succión e será impulsado directamente sobre o areal nas zonas indicadas.

Inicio de obra á fin da temporada estival

Durante a súa visita a Camelle o conselleiro do Mar trasladou que, pese a que xa se ten asinado o contrato para a execución das obras, o inicio posponse ata a finalización da temporada de verán para evitar que a maquinaria de extracción e depósito dos áridos interfira cos bañistas na praia de Camelle. Unha vez iniciados os traballos, o prazo de execución previsto é de 3 meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2024