A Xunta informa do Plan de Transporte Público de Galicia á Generalitat Valenciana, interesada na súa implantación e desenvolvemento

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse co seu homólogo en Valencia, o director xeral de Transportes e Loxística, Manuel Ríos

Destacou a posta en marcha do Sistema de Axuda á Explotación, o impulso das áreas de transporte metropolitano, as novas modalidades de transporte e as tarxetas de bonificación como principais fitos

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe co director xeral de Transportes e Loxística da Generalitat Valenciana, Manuel Ríos, interesado en coñecer o proceso de implantación e os principais fitos do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG). No encontro tamén se abordou o programa Ebici, como exemplo de boas prácticas, e a Estratexia Galega de Mobilidade.

Así, con respecto ao Plan de Transporte Público cuxa implantación culminou en 2020 tras distintas fases e que non deixou de incorporar novas funcionalidades, Judit Fontela destacou a posta en marcha do Sistema de Axuda á Explotación (SAE), pioneiro en España. Segundo explicou a directora xeral, este sistema do transporte interubano permite facer un seguimento exhaustivo da execución das concesións.

Outro dos fitos que salientou foi o impulso das áreas de transporte metropolitano, coas que se fomenta o uso do transporte público na contorna das cidades e que contan con beneficios comúns, como a aplicación de bonificacións ou transbordos gratuítos. Nesta liña, Judit Fontela referiuse especialmente á Tarxeta Xente Nova e á Tarifa +65, que lle permiten viaxar de balde ás persoas menores de 21 anos e maiores de 65, respectivamente.

A estas iniciativas súmanselles as novas modalidades de transporte para chegar a toda a poboación, especialmente das zonas rurais ou afastadas nos núcleos urbanos: o transporte compartido entre escolares e persoas usuarias, que permitiu maximizar o uso das liñas en zonas nas que era inviable un servizo de carácter regular, e baixo demanda, concibido para mellorar a conexión do rural galego e que presta preto de 632.000 servizos ao ano.

Investimento de máis de 100M€ ao ano

Como resultado da implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, o 91% da poboación ten unha parada a menos de 500 metros da súa casa, ao pasar de 20.000 a máis de 56.000 paradas e de 900 a  máis de 3.500 liñas operativas. O investimento anual da Xunta neste marco de acción supera os 100 millóns de euros.

Outro dos temas abordados na xuntanza foi o desenvolvemento do programa E-Bici de axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas, que ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible, reducindo a contaminación acústica ambiental, e que xa mobilizou máis de 5,3 millóns de euros en compras.

Así mesmo, Judit Fontela salientou entre os fitos máis recentes na materia da súa competencia a aprobación en maio da Estratexia Galega de Mobilidade. A iniciativa implica a todas as administracións públicas, con obxectivos e un cento de medidas para garantir desprazamentos máis sostibles, seguros e adaptados ás necesidades futuras da cidadanía co apoio da innovación tecnolóxica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2024