A Consellería do Mar mantén un encontro de traballo coas confrarías da Costa da Morte para abordar as necesidades do sector

Fisterra (A Coruña), 29 de xullo de 2024

Os directores xerais de de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e Desenvolvemento Pesqueiro, Antonio Basanta e Marta Villaverde respectivamente, continúan pulsando as necesidades do sector con reunións de traballo coas diferentes confrarías. Neste ocasión, o encontro foi cos pósitos da Costa da Morte, é dicir, de Fisterra, Camariñas, Corcubión, Lira, O Pindo, e as Agrupacións de Mariscadoras do Río Anllóns e de Mariscadores Fonte de Santa Helena de Baldaio, no que se analizou a situación da actividade marisqueira e se sentaron as bases para establecer sinerxías que permitan impulsar a actividade que xeran os bancos marisqueiros desta zona marítima.

Os responsables da consellería do Mar, acompañados pola directora territorial da Consellería do Mar en Coruña, María Cancelo, manifestaron na xuntanza celebrada na sede da confraría fisterrá o compromiso da administración autonómica de seguir sumando esforzos en prol de paliar as dificultades que poidan xurdir de cara á vindeira campaña. A este respecto, Marta Villaverde e Antonio Basanta confirmaron que durante o mes de agosto seguiranse publicando as axudas destinadas a consolidar, reforzar e dar soporte á rexeneración dos bancos marisqueiros con perdas de produción e que contribuirá a garantir a sustentabilidade e a conservación dos recursos mariños. Estas axudas están encaixadas dentro do 'Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo de Galicia' co que a Xunta que mobiliza 123 millóns de euros ata 2025 para reactivar o sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024