A Xunta realiza labores de conservación e mantemento en dez tramos de canles fluviais no concello de Muros que suman nove quilómetros

As tarefas que está a realizar Augas de Galicia inclúen a roza puntual de arbustos e a retirada de árbores e biomasa para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en dez tramos de canles fluviais no concello de Muros que suman un total de nove quilómetros.

As tarefas, que se desenvolverán nas parroquias de Santa Mariña de Esteiro, San Estevo de Abelleira, San Xián de Torea, San Xoán de Serres e San Pedro de Muros, afectan a distintos regos existentes na zona. As actuacións consisten na retirada de árbores e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles.

Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente tres meses e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras, podadoras e rozadoiras así como coa utilización de maquinaria de apoio como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación.

O obxectivo final é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2024