A Xunta somete a información pública o plan de xestión do Monumento Natural da Costa de Dexo

Todas as persoas interesadas poden enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin durante un mes contado a partir de mañá

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024

A Xunta someterá durante un mes ao procedemento de información pública o proxecto de decreto do Plan de xestión do Monumento Natural da Costa de Dexo, no concello de Oleiros (A Coruña), tal e como se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Así, a partir de mañá, xoves, 25 de xullo, e durante un mes, ata o 26 de agosto, poderase consultar toda a documentación no portal de transparencia da Xunta e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de que todas as persoas interesadas poidan enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin.

Con este paso o Goberno galego avanza na tramitación do futuro plan de xestión, que permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural e dos valores que é necesario protexer e, a través desta recompilación de información, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.

O novo instrumento de xestión, que terá vixencia indefinida, deberá incluír a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar aos seus valores naturais; os obxectivos de conservación; ou as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais.

Así mesmo, o futuro plan tamén incluirá as normas relativas ao uso público, así como as actividades científicas e educativas a desenvolver; a programación de actuacións a desenvolver; o programa de seguimento; a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo e restablecendo corredores con outros espazos naturais de singular importancia para a biodiversidade e os instrumentos orzamentarios para cumprir os fins perseguidos coa súa declaración.

Cómpre lembrar que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. Tamén se consideran monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que foran declarados como tales.

Galicia conta con 8 monumentos naturais, que son a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta, a Fraga de Catasós, o Souto de Rozabales, o Pregamento xeolóxico Campodola-Leixazós, a Costa de Dexo, a Carballa da Rocha e a Serra de Pena Corneira.

No que atinxe á Costa de Dexo, é un lugar de grande importancia ecolóxica tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. Esta paraxe esténdese pola franxa litoral entre o cabo de Mera e o porto de Lorbé -aproximadamente 11 km. de costa-, cun rango altitudinal que vai dos 0 aos 38 metros sobre o nivel do mar.

Data de actualización: 24/07/2024