O presidente participa na entrega de 48 novos todoterreos e furgonetas a este servizo

Rueda destaca que a Xunta reforza a protección do patrimonio natural coa renovación da frota de vehículos dos axentes medioambientais

O obxectivo é dotar ao persoal de recursos máis modernos, seguros e sostibles

Salienta a importancia de coidar o medio natural, “un tesouro insubstituíble” que xa é o principal atractivo para os turistas que visitan Galicia

O 42% do territorio galego está baixo algún tipo de protección pola súa singularidade ou biodiversidade

A Xunta destinou nos últimos cinco anos 195 M€ a melloras en zonas protexidas

Galicia é pioneira na posta en marcha dunha brigada especializada na investigación de delitos medioambientais

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico coa protección do patrimonio natural mediante a renovación do parque móbil dos axentes medioambientais que traballan na comunidade. “Temos un servizo de vixilancia ambiental do que estar orgulloso e un medio ambiente que temos que coidar porque é un tesouro insubstituíble e a envexa de moitos lugares”, salientou.  

Durante o acto de entrega de 48 novos vehículos en Santiago de Compostela, Rueda salientou o labor que levan a cabo os 165 traballadores dos servizos provinciais de Patrimonio Natural e dos Centros de recuperación de fauna silvestre de Galicia -axentes ambientais, vixilantes de recursos naturais, brigadas de traballo e membros da Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza- á hora de protexer e conservar a biodiversidade da comunidade. 

Nesta liña, salientou que Galicia conta cun medio natural “magnífico e incomparable” que xa é un dos principais atractivos para os turistas que visitan a comunidade. Por iso, incidiu en que a Xunta “é a primeira interesada” en dotar aos axentes medioambientais “dos recursos, a formación e as capacidades” necesarias para desenvolver o mellor posible o seu traballo diario.

Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o presidente asistiu á presentación dos 48 novos vehículos: 28 camionetas estilo pick-up; 14 coches SUV 4x4 e seis furgonetas adaptadas ás necesidades do persoal dos centros de recuperación de fauna silvestre. O obxectivo da Xunta é dotar aos traballadores dun parque móbil máis moderno, seguro e sostible. 

Coa entrega deste medio centenar de vehículos, o Goberno galego finaliza a renovación dos vehículos para axentes ambientais, iniciada no 2018. O último investimento foi de 2,6 millóns de euros para adquirir 108 vehículos: 60 xa en funcionamento desde hai meses e os 48 hoxe entregados. 

Apoio da Xunta á conservación do patrimonio natural e a biodiversidade

O 42% do territorio galego conta con algún nivel de protección pola súa singularidade e biodiversidade a través de figuras como monumentos naturais, reservas da biosfera, zonas de especial conservación, humidais protexidos ou parques naturais.

Por iso, a conservación e protección da natureza e a biodiversidade é unha prioridade para o Goberno autonómico desde hai anos. Entre as medidas levadas a cabo está os avances a nivel normativo -coa Lei de patrimonio natural e os plans reitores dos parques naturais-, o reforzo da vixilancia coa creación dunha brigada especializada na detección de delitos medioambientais que é pioneira en toda España, o investimento de 195 millóns de euros nos últimos cinco anos para melloras nas zonas protexidas ou os estudos específicos sobre especies de fauna silvestre coma o oso ou o lobo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024