A Xunta e Conxemar analizan melloras para o Ifevi para dar continuidade á feira internacional dos produtos do mar conxelados nas mellores condicións

Vigo, 23 de xullo de 2024

O Goberno galego e a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura, Conxemar, analizan posibles melloras para o Instituto Feiral de Vigo -Ifevi- co fin de garantir a continuidade nas mellores condicións da feira organizada na cidade olívica por esta entidade. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, e a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, reuniuse recentemente co presidente de Conxemar, Eloy García; a xefa da área de Feira, Laura Méndez, e a directora de Comunicación da asociación, Pastora Charlín. 

No encontro abordaron o estudo de viabilidade para a ampliación de capacidade e mellora dos accesos ao Ifevi, elaborado por Conxemar e posto a disposición das administracións públicas como posible proposta de actuacións de ampliación e mellora do recinto por fases. Ademais, a Xunta acordou elaborar un plan funcional de análise para concretar as necesidades da feira e poder levar a cabo outras actuacións complementarias ao seu desenvolvemento, como a habilitación de aparcamentos ou a ordenación do tráfico, xa que as necesidades que exixe a feira van máis alá dos espazos. 

Tanto a Xunta como Conxemar valoraron positivamente a reunión, definíndoa como fundamental para establecer o diálogo en relación a estas cuestións clave para poder acadar canto antes unha solución beneficiosa para todas as partes. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024