A Xunta salienta a importancia da formación para captar e reter talento no sector TIC da comunidade

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá a sede da compañía de servizos profesionais Deloitte na Coruña

A empresa colaborou co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) impartindo seis seminarios técnicos relacionados co desenvolvemento de aplicacións na nube, dos que se beneficiaron 214 persoas

Máis de 3.000 traballadores e desempregados participaron xa na presente programación do CNTG, a través de 90 cursos e 83 seminarios técnicos, consolidando así este centro como un referente formativo no sector TIC en Galicia

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a realizar unha firme aposta pola formación flexible, de curta duración e axustada á demanda das empresas para casar de xeito máis eficiente oferta e demanda no mercado laboral

A Coruña, 23 de xullo de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá a sede da compañía de servizos profesionais Deloitte na Coruña para continuar avanzando na detección das necesidades de formación que as compañías do sector TIC teñen en Galicia.

Zeltia Lado agradeceu a implicación desta compañía coa formación e destacou a colaboración de Deloitte co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. No marco desta cooperación, Deloitte -compañía enfocada en apoiar ás empresas nos seus retos e procesos de transformación e que en Galicia conta con 200 empregados- impartiu unha serie de seis seminarios técnicos, cada un deles de dúas horas de duración, sobre diferentes temáticas relacionadas co desenvolvemento de aplicacións na nube (cloud).

Os seminarios -que estaban abertos a traballadores e a desempregados interesados na materia- permitiron a formación de 214 persoas e foron impartidos por persoal cualificado da compañía en Galicia  e doutros equipos dos centros de excelencia que a empresa ten en España.

Programa formativo do CNTG

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia é un referente formativo na nosa Comunidade, cuxo programa está destinado tanto a persoas traballadoras do sector TIC como a persoas desempregadas interesadas en incorporarse a el.

A formación impartida na presente programación supuxo a formación de máis de 3.000 traballadores e desempregados, tanto a través de 90 cursos formativos de preparación para certificación -nos que participaron 1.750 persoas e que supuxeron 4.463 horas de formación- como nos 83 seminarios técnicos como os impartidos por Deloitte e nos que se formaron preto de 1.250 cidadáns. Os cursos desenvolvidos no CNTG tiveron unha demanda de 3,4 candidatos por cada praza ofertada, unha taxa de ocupación das 1.830 prazas ofertadas de preto dun 96%, unha taxa de finalización de máis dun 93%, e unha valoración global do alumnado de 9,03 sobre 10.

Atendendo á situación laboral das persoas formadas, un 19% foron desempregados, un 4% autónomos, un 67% empregados do sector TIC e un 10% empregados de administracións públicas.

Aposta pola formación flexible

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a realizar unha firme aposta pola formación flexible, de curta duración e axustada á demanda das empresas, co obxectivo de casar de xeito máis eficiente a oferta e a demanda no mercado laboral. Neste contexto, a Xunta ten en marcha axudas a entidades de formación para impartir cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025, cun orzamento de 76 millóns de euros -o máis alto dos últimos 15 anos- co que se aspira cualificar unhas 18.000 persoas sen traballo nas especialidades máis requiridas polas empresas galegas e os traballadores.

Ademais, Galicia está sendo pioneira no emprego da intelixencia artificial para modernizar o Servizo Público de Emprego. A través da ferramenta de software EMi, agárdase realizar no prazo dun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas que estean buscando activamente traballo, facilitando así aos orientadores laborais realizar os itinerarios profesionais das persoas usuarias e cubrir de xeito máis eficiente as vacantes existentes no tecido empresarial galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024