O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presenta en Xinzo unha nova campaña para rexistrar a fala no marco do ‘Proxecto Nós’ que impulsa a lingua nas tecnoloxías

López Campos anima a participar na recollida de voces para promover a inclusión do galego no eido dixital

Destaca a importancia que ten a “colaboración da poboación para avanzar na xeración de recursos, como é conseguir a maior cantidade de horas gravadas no noso idioma para que as ferramentas funcionen o mellor posible” 

A plataforma ‘Common Voice’ conta neste momento con 700.000 frases en galego que precisan ser lidas e agárdase superar o millón nos vindeiros meses

A iniciativa de doazón de voz que hoxe comezou percorrerá un total de 16 concellos nesta segunda etapa, despois dunha primeira experiencia en Porto do Son e Melide 

Xinzo de Limia (Ourense), 23 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou hoxe á sociedade desde Xinzo de Limia a participar na campaña de doazón de voz posta en marcha no marco do Proxecto Nós, a iniciativa da Xunta, en colaboración coa Universidade de Santiago, para impulsar a incorporación do galego no eido dixital.

Neste senso, o titular de Cultura do Goberno galego lembrou “a importancia da colaboración da poboación para seguir avanzando na xeración de recursos, co obxectivo de poder interactuar na nosa lingua nas plataformas tecnolóxicas”. Para iso, destacou, “son esenciais campañas como esta, coa que pretendemos recoller a maior cantidade de horas gravadas en galego para garantir que as ferramentas do proxecto funcionen ben”. Así, segundo explicou, “trátase de recompilar a fala de distintos lugares, contando coa variedade fonética e dialectal de Galicia, así como de persoas de distinto xénero e idade”.  

A campaña Agasállanos coa túa voz é a segunda que desenvolve a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, despois das experiencias levadas a cabo en Porto do Son e Melide o ano pasado. Desta vez, chegarase a 16 concellos de diferentes comarcas de Galicia de maneira que as persoas que o desexen poidan acudir ás aulas CEMIT (habilitadas pola Xunta con ordenadores e internet para uso da cidadanía) presencialmente para facilitar a súa mostra vocal.

Así o fixo hoxe persoalmente López Campos na Casa da Cultura de Xinzo, cuxa voz forma xa parte do banco do Proxecto Nós, agoirando a consecución “dun amplo rexistro do noso patrimonio oral para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google, entre outros, recoñezan a nosa fala”.

Deste xeito, xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín Gómez, tomou parte na demostración do funcionamento da plataforma ante os presentes, lembrando que calquera persoa pode gravar a súa voz tamén telematicamente a través do portal Doa a túa voz. 

Ferramentas desenvolvidas

No portal do Proxecto Nós xa se pode experimentar de maneira libre con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais desenvolvidas en fase de demostración: unha ferramenta que permite a conversión de texto a voz, o primeiro tradutor neuronal feito en Galicia e un sistema de recoñecemento da fala.

É para este último recurso, que permitirá que calquera máquina recoñeza a voz dunha persoa cando se dirixa oralmente a ela en galego, polo que se pon en marcha esta campaña hoxe presentada. Deste xeito, a plataforma Common Voice, a través da que se desenvolve a iniciativa da recollida de voces, conta con 700.000 frases en galego (agárdase que se supere o millón nos vindeiros meses) que precisan ser lidas, co obxectivo de acadar as 1.000 horas de gravación.

Ademais, nas vindeiras semanas, tal como se vén de anunciar no Consello da Xunta, poranse en marcha dous proxectos piloto. Un ten que ver con melloras no tradutor Gaio e outro coa integración dunha voz feminina que posibilite a escoita en galego de todo o contido da web institucional.

Estes son algúns dos últimos avances do proxecto que no pasado mes de xuño presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de Intelixencia Artificial para o galego, un paso histórico que permitirá o desenvolvemento de sistemas intelixentes creados especificamente nesta lingua. Coñécese como modelo fundacional, por ser a peza básica para construír tradutores, correctores ou chatbots, entre outras ferramentas.

Cronoloxía do ‘Proxecto Nós’

O Proxecto Nós iniciou o seu camiño no 2021 co primeiro convenio asinado para a elaboración do plan de traballo entre a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dependente do Goberno galego. 

Despois dun segundo acordo, asinado en 2022, o proxecto recibiu a través da Universidade 2M€ do PERTE Nova Economía da Lingua para o período 2023-2024. Xa no 2023 incorporouse ao equipo a Universidade de Vigo. Neste contexto, cómpre lembrar que o Parlamento de Galicia aprobou na sesión plenaria do pasado 10 de xullo que a Xunta se dirixa ao Goberno central para completar a parte da dotación incluída no marco do PERTE, a fin de achegar a totalidade dos 15M€ comprometidos.

Para o desenvolvemento da iniciativa e a recompilación de datos foron contactadas máis de 40 entidades, asinando a Universidade de Santiago máis de 20 acordos de colaboración, do eido público e privado, para a cesión dos mesmos.  

 

Data de actualización: 23/07/2024