A Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo avanza na análise da ampliación de licenzas de taxi solicitada polo concello de Compostela

A directora xeral de Mobilidade presidiu hoxe a xuntanza deste organismo, que deberá emitir un informe preceptivo e non vinculante

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, presidiu hoxe a Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo (CEVT) do Consello Galego de Transportes, reunida para avanzar na análise da ampliación de licenzas de taxi solicitada polo concello de Santiago de Compostela.

Na xuntanza, os membros realizaron as súas achegas para elaborar o preceptivo informe, non vinculante. Unha vez emitido este ditame, daráselle traslado ao Concello para que complemente a solicitude e lla remita novamente á Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, encargada da súa avaliación e da emisión dun informe preceptivo e vinculante.

A solicitude e informe do concello da capital compostelá contempla o incremento en 29 novas licenzas de taxi na cidade, a metade delas para persoas con mobilidade reducida. Cómpre lembrar que a lei de transporte público en vehículos de turismo de Galicia establece unha continxentación do número máximo de licenzas de taxi por concello, atendendo á súa poboación de dereito. No caso de Santiago de Compostela, aplícase a porcentaxe 1 licenza por cada 1000 habitantes, aínda que xa actualmente supera ese número con 144 licencias, 98.687 habitantes.

A CEVT é un órgano especializado en transporte público en vehículos de turismo (Taxi e VTC) integrada na organización do Consello Galego de Transportes, e nela participa a Xunta a través de distintos departamentos, a Federación Galega de Municipios e Provincias, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, (Cermi), o Comité Galego de Transporte por Estrada e organizacións sindicais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024