O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Festival Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, presentan no CGAC a nova convocatoria deste certame

Anxo Lorenzo destaca o XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea como promotor de novas creacións artísticas

Co proxecto premiado vaise editar un libro e producirase unha exposición que se inaugurará en Lugo e itinerará durante dous anos

O prazo de presentación das obras será do 24 de xullo ao 15 de setembro deste ano

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Festival Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, presentaron hoxe no CGAC as bases do XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia, a Asociación Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo co obxectivo de promover novas creacións nesta disciplina.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que o certame “constitúe unha plataforma na que poder empregar as linguaxes fotográficas actuais e así dar a coñecer o traballo dos artistas”. Neste senso, puxo en valor este tipo de iniciativas que promoven a difusión das artes e que ofrece visibilidade a todo tipo de creadores.

O certame está dotado cun único premio que consiste na edición dun libro e na produción dunha exposición temporal que se inaugurará en Lugo e que itinerará durante dous anos. Tal e como sinalou o director xeral de Cultura, as exposicións que se foron realizando no marco desta iniciativa xa percorreron diversos puntos tanto de Galicia como do resto da Península Ibérica.

Os interesados en participar deberán enviar a súa solicitude entre o 24 de xullo ata o 15 de setembro deste ano. Só se poderán enviar proxectos realizados entre setembro de 2014 e setembro de 2024, e que non foran subvencionados ou recibisen unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024