A Xunta reforza sete servizos de autobús entre A Coruña, Oleiros e Sada en horarios de maior ocupación

Cinco deles conectan A Coruña e Sada con paradas nas parroquias de Carnoedo e Veigue, en Sada; e dous forman parte de liñas entre A Coruña e Lorbé, en Oleiros

Ademais, reactívanse tres frecuencias ao día que dan servizo á urbanización de Rialta á primeira da mañá e ao final do día

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

A Xunta reforzará desde o próximo luns, 29 de xullo, sete servizos de autobús no corredor A Coruña-Oleiros-Sada en horarios de maior ocupación. Despois do seguimento específico levado a cabo durante as últimas semanas e tras unha reunión de traballo co Concello de Oleiros, acordouse reforzar as frecuencias nos momentos do día nos que se vén rexistrando unha maior demanda na conexión entre esta área e A Coruña.

Entre os axustes propostos para dar resposta ás demandas do Concello de Oleiros, restablécense tres frecuencias ao día que dan servizo á urbanización de Rialta á primeira hora da mañá e ao final do día.

Dos sete servizos que se incorporan de luns a venres á oferta do autobús interurbano neste corredor, cinco conectan A Coruña e Sada con paradas nas parroquias de Carnoedo e Veigue, en Sada, e dous forman parte de liñas entre A Coruña e Lorbé, en Oleiros.

Á primeira hora da mañá actívase un servizo ás 8.35 horas de Lorbé á Coruña e adiántase ás 7.20 horas o primeiro servizo Sada-Carnoedo-Entrexardíns para incorporar no seu itinerario a urbanización de Rialta, onde se melloran as frecuencias nesta franxa horaria con estes dous servizos.

Na franxa horaria do mediodía, sumarase un servizo de Sada á Coruña ás 13.00 horas e outro da Coruña a Sada ás 14.00 horas.

Pola tarde, reactívanse catro expedicións, dúas por sentido. De Sada a Entrexardíns sairán ás 18.30 e ás 21.00 horas. No sentido contrario, sairá de Entrexardíns un servizo cara a Sada ás 20.00 horas e outro ás 21.55 horas ata Lorbé, con parada en Rialta. Grazas a isto xa non será preciso o transbordo nestes horarios nas lanzadeiras entre Lorbé e Sada, reactivándose os servizos directos entre A Coruña e Sada.

A posta en marcha das frecuencias acordadas requiriu axustes noutros servizos para optimizar a súa coordinación, así como adiantos horarios de entre cinco e dez minutos en catro expedicións.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 23/07/2024