A Xunta aumenta a capacidade de resolución da Atención Primaria así como o confort de pacientes e profesionais

No ano 2023 o Goberno galego xestionou 37,8 M€ dentro do Marco Estratéxico de Atención Primaria para fortalecer o primeiro nivel asistencial, mellorando as infraestruturas e ampliando o equipamento clínico 

Entre as melloras levadas a cabo destaca a renovación de 26 salas de raios e a creación de outras tres novas, así como a adquisición dunha unidade móbil 

Tamén se adquiriron máis de 500 unidades de medidores de constantes vitais que integran os datos na historia clínica electrónica do paciente

Sanidade está a traballar na xestión dos fondos do presente ano, que acadan un importe de 11 M€ 

Os novos fondos destinaranse a equipamento habitual como tensiómetros dixitais, holters e oto-oftalmoscopios, e outro máis innovador, como tonómetros, dermatoscopios e aparellos de diatermia para fisioterapia

A Xunta ten previsto realizar obras en distintos centros de primaria, poñendo o foco no correcto illamento e climatización

O Goberno galego seguirá a traballar na abordaxe da cronicidade, investindo de novo na adquisición de sensores de glicosa para facilitar o día a día dos pacientes diabéticos

O Consello da Xunta abordou hoxe, na súa reunión semanal, un informe da Consellería de Sanidade referido á execución dos fondos do Marco Estratéxico de Atención Primaria no 2023 e a previsión dos asignados no presente ano.

Tal e como se recolle no informe, no pasado ano a Comunidade galega xestionou 37,8 millóns de euros dentro do Marco Estratéxico de Atención Primaria. Estes fondos articúlanse por medio de dous plans, o de Mellora de Infraestruturas para o primeiro nivel asistencial, dotado con 26,5 M€, e o de Acción de Atención Primaria, cun investimento de 11,2 M€.

O obxectivo do departamento sanitario galego na xestión destes fondos é fortalecer o primeiro nivel asistencial, mellorando substancialmente o confort de pacientes e profesionais e incrementando notablemente a capacidade resolutiva da atención primaria.

Entre as melloras levadas a cabo pola Xunta está o equipamento clínico, coa adquisición do aparataxe máis moderno: ecógrafos, retinógrafos, desfibriladores, bisturís eléctricos, holters, MESIs, etc. Ademais, moitos deles son portátiles, coa posibilidade de que o persoal sanitario o leve ao domicilio no caso dos pacientes máis vulnerables, evitando desprazamentos innecesarios e achegado unha atención de calidade.

Tamén é destacable a adquisición de 513 medidores de constantes vitais, que posibilitan a realización de distintas probas como é o caso de espirometrías ou índice nocello-brazo, e que, ademais, integran os datos na historia clínica electrónica do paciente.

Xunto ao anterior, o Goberno galego realizou numerosas obras para a mellora dos espazos dos centros de primaria, con especial atención en materia de accesibilidade e de eficiencia enerxética. Así mesmo, adquiríronse unha cantidade importante de sensores de glicosa, dos que se están a beneficiar un número considerable de pacientes con diabetes.

Así mesmo, o departamento sanitario galego levou a cabo un proxecto de mellora das unidades de fisioterapia, adquirindo 170 padiolas específicas para esta atención. Tamén se adquiriron novas padiolas máis ergonómicas para as consultas (2.297 unidades), para transporte de pacientes (586 unidades) e para as consultas de matronas (170 unidades).

Ademais renováronse 27 salas de radioloxía en toda Galicia e creáronse tres novas en Rianxo, Pontedeume e Ortigueira, xunto coa adquisición dunha unidade móbil de raios, cun investimento total de tres millóns de euros.

Para executar todos estes proxectos, pertencentes ao 2023, a Consellería de Sanidade dispón ata o 31 de decembro de 2024 no caso de equipamento e mobiliario, e ata o 31 de decembro de 2025 para acabar as numerosas obras que se están a levar a cabo.

Destino dos fondos de 2024

Na actualidade, a Xunta está a traballar na xestión dos fondos deste ano, que teñen unha contía de algo máis de 11 millóns de euros. Sobre a base dos criterios establecidos e as necesidades detectadas, unha vez realizadas consultas ás sete áreas sanitarias, o Goberno galego está a enfocar os proxectos a cumprimentar necesidades de equipamento de uso moi habitual, como son os tensiómetros dixitais, os oto-oftalmoscopios, os holters para o seguimento de doentes hipertensos e cardiópatas, e neveiras específicas para vacinas con control de temperatura mediante dobre termostato dixital, das que se adquirirán 509 unidades, sendo 474 delas de gran capacidade.

Outra parte dos fondos de 2024 irá para equipamento máis innovador, que posibilitará  abrir novas vías de actuación en primaria, como son os tonómetros para medir a presión intraocular, permitindo a detección de doentes que deben derivarse a oftalmoloxía; os dermatoscopios que son dispositivos médicos utilizados para examinar lesións cutáneas, lunares e outras características da pel; e aparellos de diatermia para fisioterapia, cun alto nivel de eficacia no tratamento de patoloxías músculo esqueléticas.

O Executivo galego tamén ten previsto levar a cabo obras en distintos centros, poñendo o foco no seu correcto illamento e climatización.

Por outra banda, a Consellería de Sanidade seguirá a traballar na abordaxe da cronicidade, investindo novamente parte dos fondos na adquisición de sensores de glicosa, diminuíndo así o número de puncións diarias do doente diabético.

Cómpre remarcar, por último, que aínda que a xestión destes fondos non é doada, polo seu volume, polos prazos axustados que se manexan, polo número de proxectos diferentes e pola cantidade de axentes implicados, o resultado final foi un éxito, xa que se levaron a cabo todos os proxectos formulados inicialmente e comprometéronse a práctica totalidade dos fondos asignados a Galicia.

Data de actualización: 22/07/2024