O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou esta tarde a fábrica de Actemsa e interveu na apertura da sesión plenaria da Cámara de Comercio de Santiago

A Xunta continúa o traballo da man do tecido produtivo galego para garantir a cobertura de vacantes laborais e a remuda xeracional

José González destacou o importante papel que xoga a Cámara santiaguesa como interlocutora entre a Administración pública e as máis de 30.000 empresas e autónomos dos 32 concellos que conforman a súa demarcación territorial

Remarcou medidas que ten en marcha a Xunta para afrontar os retos do mercado laboral, como a flexibilización da formación adaptada ás necesidades das empresas ou a modernización do Servizo Público de Emprego

Afondou no compromiso da Xunta co comercio para afianzar o crecemento económico mediante a xeración de riqueza e emprego locais

Lembrou o impulso ao programa Retorna Cualifica Emprego, no que se seguirá avanzando esta semana coa viaxe á Arxentina e ao Uruguai

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 22 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde a sede da empresa Actemsa e asistiu posteriormente á apertura institucional da sesión plenaria da Cámara de Comercio de Santiago. Durante a súa intervención, destacou a importante función que xoga a entidade representando os intereses de sectores coma o comercio, a industria, os servizos e a navegación e puxo en valor o seu papel como interlocutora entre a Administración pública e as máis de 30.000 empresas e autónomos dados de alta nalgún dos 32 concellos do sur da provincia da Coruña que conforman a súa demarcación territorial.

O titular de Emprego celebrou a diversidade e fortaleza das empresas que conforman a Cámara e que son un exemplo da riqueza e dinamismo do tecido emprendedor e empresarial galego, destacando tamén a firme aposta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola escoita activa e pola colaboración público-privada para seguir xerando riqueza e emprego de calidade ao tempo que se garante a remuda xeracional.

José González compartiu algunha das medidas que ten en marcha a Xunta para afrontar os retos do mercado laboral, entre os que se sitúan a cobertura das vacantes existentes. Neste campo, puxo en valor a aposta do Goberno galego por flexibilizar a formación e adaptala á demanda real do tecido produtivo, destacando a recente orde de axudas a entidades de formación para impartir cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025, a través da cal se agardan cualificar unhas 18.000 persoas sen traballo, potenciando as especialidades máis demandadas. 

José González mencionou así mesmo o Programa Retorna Cualifica Emprego para promover a integración sociolaboral dos galegos e galegas do exterior. Nesta liña, lembrou que esta mesma semana está programada unha viaxe á Arxentina e ao Uruguai que permitirá seguir impulsando as estratexias de retorno e na que se manterán encontros institucionais con diferentes representantes de ambos países, incluídos empresarios e descendentes de emigrados con interese en establecerse en Galicia.

O conselleiro tamén salientou a modernización do Servizo Público de Emprego coa axuda da ferramenta de intelixencia artificial EMi, pioneira en España e en Europa e dispoñible actualmente nas 54 oficinas de emprego de Galicia. Este software, co que se prevé realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas, facilitará casar de xeito máis eficiente a oferta e a demanda.

Así mesmo, cómpre salientar o Plan remuda no seo da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que busca garantir a continuidade dos negocios e que ten activa unha orde de axudas con 1,5 millóns de euros de orzamento para que as persoas interesadas poidan sufragar parte dos gastos de transmisión das empresas que van pechar e das que queren facerse cargo. 

Reforzo do tecido comercial

O representante do Emprego manifestou tamén o compromiso co reforzo do tecido comercial e artesán en todo o conxunto do territorio galego para afianzar o crecemento económico mediante a xeración de riqueza e emprego locais e que converxerán na futura Estratexia integral do comercio galego, que se está elaborando con todos os actores do sector.

No marco das accións vixentes, lembrou que está aberta actualmente a convocatoria para impulsar o selo de “Mercados Excelentes” nos mercados e prazas de abastos, dotada con 1,3 millóns de euros.

Data de actualización: 22/07/2024