Convocada unha nova edición do premio de investigación ‘Condado de Pallares’, que conta co apoio da Xunta

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participaron na presentación do certame, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares

O obxectivo é promover a investigación nas áreas de lingüística, historia, arte,  arqueoloxía, antropoloxía, etnografía e folclore no territorio que conformaba o antigo condado de Pallares

Lugo, 22 de xullo de 2024

A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación do XVIII Certame de Investigación Condado de Pallares, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. O Goberno galego colabora coa iniciativa.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participaron no acto xunto co presidente do colectivo organizador, Carlos Vázquez, e representantes doutras entidades implicadas.

O obxectivo do galardón é promover a investigación nas áreas de lingüística, historia, arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía e folclore no ámbito territorial que conformaba o antigo Condado de Pallares, que abrangue os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

O prazo de presentación finaliza o 28 de setembro. Os traballos deben ser orixinais e inéditos e teñen que estar escritos en lingua galega. O xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o 3 de novembro.

Os responsables autonómicos destacaron que este galardón contribúe a poñer en valor o patrimonio cultural dos concellos implicados e felicitaron á Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares pola traxectoria do certame.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024