O importe adxudicado dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pola Xunta supera os 1.000 M€, case o 90 % do publicado

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes salienta que ademais Galicia “é a comunidade con maior tasa de resolución” dos fondos europeos, segundo datos do Ministerio de Economía

Subliña que “máis de 53.000 persoas e máis de 5.000 entidades” se beneficiaron xa desta financiación na comunidade

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que a Xunta xa adxudicou 1.027 millóns de euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, case o 90% do importe publicado en convocatorias e licitacións.

Ademais, a boa execución en Galicia tamén a confirma os datos do Ministerio de Economía, que indican, segundo sinalou Calvo, “Galicia é a comunidade con maior taxa de resolución dos fondos MRR: un 78,8%” (22,2 puntos máis que a media das CC.AA. e 20,2 puntos máis que a AXE).

Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á Comunidade por PIB per cápita. Desa cantidade, a Xunta ten ingresados 1.453 M€. Hai que lembrar que estes fondos se poden executar ata o ano 2026.

Na práctica, tal e como explicou o conselleiro, a Xunta está dando apoios “ amáis de 53.000 persoas e 5.000 empresas ou entidades locais” a través destes fondos.  As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia relacionadas coa mobilidade sostible, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.

Pola súa banda, a dotación dos PERTE, cos que se financian os proxectos transformadores público-privados, dos máis de 41.000 M€ anunciados e de xestión exclusiva do Goberno central, só se publicaron 20.593 M€, é dicir, o 50 %. A contía das resolucións ascende a 12.136 M€, o 59 % do publicado, destinándose só un 5,5 % a proxectos en Galicia (675 M€).

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024