Medio Rural asina cos sindicatos o acordo de mellora das condicións de traballo do persoal funcionario do Servizo de Prevención de Incendios Forestais

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asinou esta mañá con representantes dos sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT o acordo polo que se seguen mellorando as condicións de traballo do persoal funcionario do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Destas melloras benefícianse profesionais que ocupan os máis de 1.400 postos de 12 meses do SPIF.

Así, tras o visto e prace do Consello da Xunta o pasado día 15, o acordo asinado hoxe contempla un cadrante con quendas de traballo rotatorias entre as 0 e as 24h, cunha xornada diaria de 10h, salvo en caso de incendios de situación operativa 2 (os de maior gravidade), e un descanso mínimo de 12h entre elas. Ademais, os traballadores recibirán gratificacións por cada hora prolongada en materia de servizos extraordinarios cando estes sexan necesarios e unha compensación económica por cada dous domingos ou festivos traballados que se incrementarán no ano 2025.

O acordo asinado polas catro organizacións sindicais, cuxas condicións xa se levan aplicando desde comezos de maio, súmase á ampliación temporal dos contratos do persoal laboral do SPIF que levou a cabo a Xunta e mediante a cal os traballadores que teñen contrato de seis meses pasarán a completar os nove de forma progresiva no 2026. De feito, este ano xa traballan sete meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024