A delegada territorial da Xunta en Ferrol, acompañada dalgúns dos alcaldes dos concellos promotores, estivo esta mañá na nave municipal de San Marcos

Aneiros defende o éxito de programas mixtos de formación e emprego durante unha visita ao alumnado do obradoiro de garantía xuvenil’ Inicia VII’

O programa, que conta con 15 participantes, desenvólvese na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial

A iniciativa, promovida polos Concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas conta cunha financiación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 425.000 euros

Fene (A Coruña), 22 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá na nave municipal de San Marcos, en Fene, aos alumnos do Obradoiro de Garantía Xuvenil Inicia VII promovido polos Concellos de Fene, Ares, Mugardos e Cabanas cunha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 425.000 euros.

Durante a visita, na que estivo acompañada polos alcaldes de Fene, Gumersindo Galego; Mugardos, Juan Domingo de Deus, e Cabanas, Fernando Couce, Aneiros puido comprobar o grao de satisfacción dos 15 participantes co programa que se desenvolve na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial. 

Os alumnos atópanse realizando as súas prácticas orientadas á realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local. Concretamente neste caso trátase de traballos de substitución e colocación de varandas nos municipios de Ares e Fene e a execución de recintos de contedores para o Concello de Mugardos.

A delegada territorial puxo en valor este tipo de programas que “combinan a formación e o emprego e permiten mellorar a empregabilidade e cualificación profesional das persoas participantes, neste caso mozos desempregados menores de 30 anos, para facilitar así a súa inserción no mercado laboral”, dixo. Con esta finalidade, estas iniciativas coordinan a formación teórica coa realización dun traballo efectivo durante un ano no que o alumnado accede a un contrato e a un salario laboral. 

“Ademais ao realizar as súas prácticas en traballos de mellora de dotacións públicas ou a prestación de servizos de interese xeral, isto ten unha repercusión na mellora da calidade de vida e das prestacións para toda a sociedade”, indicou Aneiros.

Unha vez remate o proceso formativos nestes Obradoiros de Garantía Xuvenil, desde a Xunta se prevén incentivos á contratación do alumnado en empresas da contorna. Neste caso as subvencións supoñen dar cobertura aos custos laborais derivados da contratación indefinida por conta allea durante polo menos seis meses para destinos relacionados cos contidos do programa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024