Valentín García celebra o primeiro volume dun estudo que recolle material lingüístico prelatino en Galicia

O secretario xeral da Lingua participa na presentación do libro inaugural da colección ‘Tesouro paleogalaico’ do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou esta mañá na presentación do libro Documentación epigráfica do teónimo deus Lar Berobreus. Edición e comentario lingüístico, volume inaugural da colección Tesouro paleogalaico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou que vexa a luz a primeira das publicacións dunha iniciativa que no seu conxunto, dixo, “ten grande relevancia porque pretende recoller todo o material lingüístico prelatino de Galicia para o seu estudo, así como doutros territorios, especialmente con linguas célticas”.

Así, a publicación deste libro supón o primeiro estudo lingüístico das aras dedicadas ao deus Lar Berobreus aparecidas no santuario tardorromano (s. III-VI d. C.) do monte do Facho, na parroquia canguesa de Donón, en Pontevedra. Neste senso, Valentín García, destacou “a recompilación de datos como os nomes prerromanos que aparecen neses achádegos ou as referencias ás formas propias do latín vulgar que derivaron séculos máis tarde no galego e portugués”.

O traballo contén un comentario arqueolóxico de José Suárez Otero, outro de carácter lingüístico de Juan Carlos Búa Carballo e un catálogo dos altares do Facho, con texto do mesmo Juan Carlos Búa en coautoría con Beatriz García Turnes e Isabel Beltrán López.

O proxecto

O proxecto Tesouro paleogalaico estrutúrase en dous grandes bloques, o do material onomástico e máis o do léxico románico de orixe prelatina. Aínda que ambas partes están estreitamente ligadas, as súas distintas características, a diversidade das fontes de documentación, das problemáticas que encerran, das ciencias implicadas e dos coñecementos necesarios impoñen esta segregación do material.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024