A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta semana un encontro co vicepresidente de Compras e Cadea de Subministración de Stellantis en Europa, Yann Martin

A Xunta reclama a Stellantis que teña en conta os provedores galegos en futuras licitacións

A reunión convocouse para dar a coñecer a Stellantis o programa de axudas a provedores da automoción convocado pola Xunta e o borrador do Plan director para o sector, aprobado esta semana

Na xuntanza tamén participaron o delegado de Compras de Stellantis na Península Ibérica, Luis Lozano; a presidenta e o xerente do Clúster de Automoción de Galicia (Ceaga), Patricia Moreira e Alberto Cominges, respectivamente; e o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez

Agradece o compromiso que vén mantendo Stellantis con toda a industria de compoñentes en Galicia exercendo unha función de empresa tractora que é fundamental, e apela ao traballo conxunto con toda a cadea de valor

Vigo, 20 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta semana un encontro co vicepresidente de Compras e Cadea de Subministración de Stellantis en Europa, Yann Martin, a quen lle reclamou que se teña en conta aos provedores galegos en futuras licitacións da compañía, especialmente, vinculadas á nova plataforma STLA Small.

Na reunión, que se convocou para dar a coñecer a Stellantis o programa de axudas a provedores da automoción aprobado pola Xunta, tamén participaron o delegado de Compras de Stellantis na Península Ibérica, Luis Lozano; a presidenta e o xerente do Clúster de Automoción de Galicia (Ceaga), Patricia Moreira e Alberto Cominges, respectivamente; e o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez.

Lorenzana, agradeceu o compromiso que vén mantendo Stellantis con toda a industria de compoñentes en Galicia exercendo unha función de empresa tractora que é fundamental. “A automoción en Galicia é un referente e debe seguir sendo así, polo que o traballo conxunto entre a Xunta e toda a cadea de valor é esencial para a boa saúde do sector, para que sexa cada vez máis innovador e competitivo”, sinalou.

Neste contexto, lembrou que o apoio do Goberno galego ao sector é firme e se materializa a través de distintos programas, plans formativos e axudas, tanto a Stellantis como ás empresas provedoras. De feito, avanzou que esta mesma semana aprobouse o borrador do plan director deseñado para o sector que xa lle foi trasladado aos axentes económicos e sociais para as súas alegacións e achegas.

O sector de automoción en Galicia, con máis de 25.000 empregos, xera unha cifra de negocio equivalente ao 15 por cento do PIB da comunidade autónoma.  E entidades como Ceaga e o Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), líder no campo da innovación con máis de 1.000 profesionais que traballan para ofrecer as solucións tecnolóxicas máis avanzadas, “son un exemplo a seguir”, afirmou a conselleira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2024