A Xunta celebrará a cuarta edición do evento Artesanía no Courel do 7 ao 11 de agosto

O obxectivo deste encontro é promover a formación e a divulgación dos oficios artesanais galegos e da marca Artesanía de Galicia

No programa de actividades inclúense 7 cursos de iniciación en oficios como a ourivería, a cestería, o téxtil e a carpintería, para os que é preciso realizar a inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia

Tamén haberá obradoiros abertos e gratuítos para todos os públicos en diferentes técnicas, como estampaxe, coiro, tecido tradicional, olería ou decoración de louza

Santiago de Compostela, 21 de xullo 2024

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración impulsa a cuarta edición do encontro Artesanía de Galicia no Courel, co obxectivo de promover a formación e a divulgación dos oficios artesanais galegos e da marca Artesanía de Galicia. O evento vaise celebrar entre os días 7 e 11 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel e conta coa colaboración do concello e da Fundación Uxío Novoneyra.

No programa de actividades inclúense sete cursos de iniciación en diferentes oficios como a ourivería, a cestería, o téxtil ou a carpintería -para os que é necesaria realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia- así como nove obradoiros gratuítos e abertos a toda a cidadanía.

Os obradoiros de formación celebraranse na Antiga Escola Unitaria de Parada, no aloxamento rural A Carbiña e na Fundación Uxío Novoneyra, en horario de 11,00 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 h. Concretamente, na Antiga Escola Unitaria desenvolverase o curso de Iniciación á ourivería, impartido por Susi Gesto, que durará os cinco días do evento. Na Carbiña están previstos dous cursos de cestería, que ofrecerá Julia de la Cal, de La Parabólica; e outros dous de tecido ás agullas a cargo de Lola García, de Logaro. Por último, na Fundación Uxío Novoneyra, o artesán Rodrigo Mosquera, de Tresoficios, dirixirá unha formación en técnicas de carpintería con alternativa para dous grupos diferentes: un do 7 ao 9 de agosto e outro que se concentrará na fin de semana, o sábado 10 e o domingo 11. 

Obradoiros gratuítos

Como en anteriores edicións, o evento contará tamén cunha ampla programación de obradoiros abertos e gratuítos para todos os visitantes que se acheguen ata Folgoso do Courel. 

No Centro Sociocultural Fondo de Vila celebraranse actividades de olería, tecido tradicional e estampaxe, en horario de 10,30 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 h. Durante os cinco días do evento impartirase un obradoiro para amosar a técnica de felpado ou gorullo, impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola; e o ceramista Carlos San Claudio será o encargado de conducir un obradoiro de iniciación ao torno cerámico.

Sandra Betanzos, de Amor ó Teu, impartirá cada día un obradoiro diferente de estampaxe: o mércores 7 de postais con selos; o xoves 8, de xeométricos en avionetas de goma eva; o venres 9, de patrón de repetición con goma eva en rodete; o sábado 10, de papel e téxtil e manualidade de medusa; e o domingo 11, de cadernos con selos. 

Na Fundación Uxío Novoneyra terán lugar dous obradoiros impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop. Do 7 ao 9 de agosto terá lugar o obradoiro de Iniciación ao traballo con coiro e os días 10 e 11 de agosto impartirán un obradoiro de Decoración de louza. Ambos serán en horario de 11,00 a 13,30h e de 16,00 a 18,00 h.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2024