A Xunta comezará a vindeira semana traballos de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense

Iniciaranse traballos de roza nas autovía Ferrol-Vilalba, na Coruña; e nas estradas LU-533, ao paso polo concellos de Chantada e O Saviñao; e na OU-402, en Castrelo de Miño

Estas intervencións forman parte do contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de 4 M€ en dous anos

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comezará a vindeira semana novos traballos de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas ao paso polas provincias da Coruña, Lugo e Ourense.

No caso da provincia da Coruña, as novas actuacións levaranse a cabo na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ao seu paso polos concellos de Narón e San Sadurniño.

Tamén comezarán os traballos de roza e limpeza na estrada LU-533 no seu percorrido polos concellos de Chantada e O Saviñao, e na OU-402, en Castrelo de Miño, Ourense.

Continuarán, ademais, as intervencións que están en marcha en distintas vías autonómicas da provincia de Lugo: na vía de altas prestacións CG-2.3 e na estrada autonómica LU-862, en Viveiro e Xove; na CG-2.1, ao seu paso por Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao; e na vía CG-2.2, nos concellos de O Páramo e Sarria.

En canto á provincia de Pontevedra, proseguirán as intervencións na comarca do Morrazo, na CG-4.1 e na autovía AG-4.6, que unen os municipios de Moaña e Cangas.

Ademais, no caso da provincia de Ourense, continuarán as tarefas na estrada OU-801 no municipio de Ribadavia e en Pontebarxa, no municipio de Padrenda.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta, tralo recente incremento de 1 M€; cun investimento total de 4 M€ para os dous próximos anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2024