Román Rodríguez coñece os proxectos de CETIM aos que a Xunta apoia con máis de 8 M€

O conselleiro de Ciencia visita as instalacións deste centro tecnolóxico multisectorial para coñecer as iniciativas nas que traballan

O Goberno galego ten colaborando coas súas iniciativas de investigación e ampliación de capacidades

Culleredo (A Coruña), 19 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) para coñecer as súas instalacións e os numerosos proxectos nos que traballan co obxectivo de crear valor económico e social a través do coñecemento, a ciencia e as tecnoloxías.

En concreto, o representante da Xunta de Galicia coñeceu, da man do director xeral de CETIM, Toni Pons, o futuro Centro de Excelencia para a Competitividade en Economía Circular ou o proxecto Circular Excellence CETIM, iniciativa esta última apoiada pola Consellería a través da dotación de equipamento avanzado cun investimento de 1M€.

Tamén se presentaron outros proxectos nos que está somerxido CETIM como H2 verde, co que se busca producir e almacenar hidróxeno verde a partir do desenvolvemento de materiais sustentables que melloran os procesos actuais a niveis económico e medioambiental, ou Dickens, que se focaliza na creación de biocompostos a través de fontes naturais como aceites vexetais, a través do que se poden conseguir produtos sostibles para o sector do plástico (fabricación aditiva, pezas compostas) ou para a construción. Púxose en valor tamén o proxecto 0Accidntes, co que se investigan tecnoloxías dixitais para reducir a tasa de accidentes laborais en construción.

O titular de Ciencia afirmou que o “traballo que desenvolve este centro tecnolóxico é unha mostra clara do gran crecemento de Galicia no campo da innovación”, comprometido co impulso dos centros tecnolóxicos de Galicia debido a que son “elementos fundamentais para converter a nosa Comunidade nun referente no eido da innovación, sustentabilidade e colaboración público-privada”.

Apoio do Goberno galego

A través do apoio económico do Goberno galego, que desde a creación do centro leva investido directamente máis de 8M€, CETIM dispón de varias unidades mixtas de investigación, entre as que destaca o desenvolvemento de Volta. Cun orzamento de máis de 2M€, este proxecto ten por obxectivo obter baterías cunha alta densidade enerxética, sustentables e con longa vida útil baseadas no elemento químico silicio para o seu uso en mobilidade eléctrica. “Este e todos os proxectos das unidades mixtas de investigación facilitan a vida das persoas, e conscientes diso, levamos apoiado desde 2014 un total de 55 unidades coa participación de 39 empresas e 14 centros de coñecemento, o que supuxo a mobilización de 155M€”, remarcou Román Rodríguez.

Ademais, a Xunta de Galicia colabora con outros proxectos de CETIM a través da iniciativa Fábrica Intelixente e Sustentable 2024, cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que favorece a innovación galega e a xeración de emprego. Para que esta entidade continúe crecendo e consolidándose como un centro punteiro, o departamento de Ciencia aporta o 50% ao fortalecemento e ampliación das capacidades deste centro, que conta cun orzamento de 888.753 euros ata 2026, cofinanciado pola Unión Europa no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Así mesmo, tamén se traballa en conxunto para a consolidación e estruturación dos centros tecnolóxicos achegando un financiamento basal.

Outros proxectos

Actualmente, CETIM conta con 90 traballadores e ten unha facturación de 6,33M€. Dentro do seu carácter multisectorial e as súas áreas de traballo, nas que se inclúen os novos materiais, as biotecnoloxías ou a industria dixital, o centro tecnolóxico está a desenvolver uns 60 proxectos e conta con 280 clientes.  

Entre eles, atópase a investigación de nanopartículas de celulosa para crear con elas produtos industriais, a conformación de sistemas intelixentes capaces de xestionar obras ou o traballo centrado na procura de solucións innovadoras para loitar contra a deforestación a través dos fungos e os tecnosolos (chans artificiais).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024