O presidente participou na sinatura do acordo de compra do inmoble entre o Goberno galego e Deputación de Pontevedra

Rueda destaca a recuperación do Teatro Cine Fraga como símbolo da aposta da Xunta pola preservación da riqueza cultural viguesa

Asegura que a recuperación do inmoble supón “cumprir un compromiso” coa cidade, revitalizando un “espazo cultural pioneiro”

Salienta a colaboración de ambas institucións para “traballar de xeito conxunto e coordinado para darlle a Vigo o espazo cultural que merece”

Apuntou que, a partir de agora, os técnicos da Deputación e a Xunta elaborarán o plan de usos coa “participación, en especial, do enorme tecido cultural da cidade” para poder deseñar o proxecto construtivo e licitar as obras

Vigo, 19 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe a recuperación do Teatro Cine Fraga como símbolo da aposta do Goberno galego pola preservación da riqueza cultural da cidade de Vigo. “Cumprimos un compromiso”, manifestou tras asinar o acordo de compravenda do inmoble xunto ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o Conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas.

Rueda destacou o “espazo cultural pioneiro” no que se converterá este edificio, que conta con máis de 80 anos de historia pero que leva máis de dúas décadas pechado. A súa adquisición por parte da administración autonómica e a provincial para destinalo a fins culturais supón, tal e como apuntou, “traballar de xeito conxunto e coordinado para darlle a Vigo o espazo cultural que merece”.

A sinatura de compra materializada hoxe, que ascende a 9,3 M€ –dos cales a Xunta achegará o 51% e a Deputación o 49%–, permite iniciar o deseño dun proxecto cultural de gran envergadura e continuidade no tempo. “Agora o que toca é que os técnicos tanto da Deputación como da Xunta culminen canto antes o plan de usos para poder deseñar o proxecto construtivo para rematar e adecuar a ese plan estas obras e poder así licitalo”, indicou o presidente do Goberno galego. Así mesmo, redactarase un proxecto este mesmo ano para dotalo do equipamento necesario e reservarase a previsión de investimento necesaria nos orzamentos de 2025.

Neste sentido, Rueda asegurou que en todo este proceso se contará coa “participación e suxestións de todo o mundo”, en especial, do “enorme tecido cultural que hai en Vigo”. “Aquí do que se trata é de que, unha vez este rematado, este edificio sexa un antes e un despois na vida cultural de Vigo e tamén, en gran parte, na vida cultural de Galicia”, indicou.

Un gran espazo con grandes posibilidades

O proxecto conta con máis de 7.000 metros cadrados, nos que se prevé aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas, como o auditorio, con máis de 1.600 prazas, que permitirán levar a cabo unha ampla variedade de programacións e acoller eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece este inmoble.

Ademais, a antiga sala de festas vai permitir desenvolver un proxecto baseado na exhibición, creación e participación do tecido artístico e o conxunto de espazos anexos tamén vai permitir instalar na cidade propostas culturais e creativas de relevancia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024