O delegado territorial da Xunta en ourense presenta o festival ‘Xoldra de Aguiar’ que se desenvolverá no concello de Pereiro de Aguiar

Actuarán os grupos galegos Cé Orquestra Pantasma, Los Camachuelos, O Sonoro Maxín e Luar na Lubre

Trátase dunha iniciativa patrocinada por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do concello de Pereiro de Aguiar

Este modelo de evento pon en valor a tradición das festas populares nun entorno rural. A ambientación e decoración do evento pretende evocar as festas populares sen grandes estruturas, poñendo en valor o patrimonio natural e etnográfico do Concello

Ourense, 19 de xullo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá, acompañado do vicepresidente Segundo da Deputación Provincial de Ourense, César Manuel Fernández, e o concelleiro de Cultura, Sanidade e Consumo do concello de Pereiro de Aguiar, Casiano Ángel Feijóo, na presentación do  festival Xoldra de Aguiar que se celebrará o 14 de setembro no concello de Pereiro de Aguiar, e que ten como principal obxectivo a posta en valor do rural coa cultura das festas populares como instrumento catalizador dun evento musical durante o día, desde a sesión vermú ata a noite, ademais de contar con programación infantil.

Trátase dunha iniciativa patrocinada por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do  concello de Pereiro de Aguiar, onde a convivencia, a música e o bo ambiente serán os protagonistas dunha xornada na que os veciños poderán gozar dun evento no rural, ao aire libre, das actuacións dos grupos galegos Cé Orquestra Pantasma, Los Camachuelos, O Sonoro Maxín e Luar na Lubre. Tamén a gastronomía, que forma unha parte importantísima de calquera evento destas características, terá presenza cun posto de pulpo e comida tradicional galega, así como grupos de animación para nenos e nenas.

Este evento invita aos veciños de Pereiro de Aguiar e aos das veciñanzas próximas a recuperar a figura das festas populares como un lugar de xuntanza. O valor engadido da música en directo de grupos recoñecidos fai que público doutros lugares de Galicia se despracen ata alí.

Este modelo de evento pon en valor a tradición das festas populares nun entorno rural. A ambientación e decoración do evento pretende evocar as festas populares sen grandes estruturas, poñendo en valor o patrimonio natural e etnográfico do Concello. Ao tratarse dun evento diúrno case na súa total duración, evitamos reducir significativamente a contaminación luminosa e acústica

O prezo das entradas, á venda  en Ataquilla.com, teñen un prezo individual de 15 euros, dos que 5€ destinarase ao Banco de Alimentos do Concello de Pereiro de Aguiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024