Lete anima ao milleiro de rapaces do campionato de España Sprint Infantil e Cadete a que sigan o exemplo dos once padexeiros olímpicos galegos de París

En tres das catro clasificacións -masculina infantil, feminina infantil e masculina cadete- lidera un equipo galego, o Club de Mar Ría de Aldán, mentres que na clasificación feminina cadete, o Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra transita pola segunda posición, polo que aposta por un pleno de vitorias galegas

Pontevedra, 18 de xullo de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do LV Campionato de España Sprint Infantil e Cadete que terá lugar este fin de semana en Verducido como a cuarta e última proba da Liga Sprint de Xoves Promesas que tamén deu comezo no encoro de Pontillón do Castro coa disputa no pasado mes de xuño da I Copa de España de Piragüismo Sprint Cadete. As outras dúas probas que conforman a competición foron o LIV Campionato de España Cadete 5.000 metros en Cazalegas (Toledo) disputado o 6 e 7 de abril, así como o LIV Campioanto de España Infantil 3.000 metros no CEAR La Cartuja (Sevilla) celebrado o 27 e 28 de abril.

Lete Lasa destacou o Complexo de Regatas David Cal de Verducido como unha “catedral do piragüismo galego, nacional e internacional ao que peregrinan moitos padexeiros para adestrarse e acadar a súa mellor versión”. Neste sentido lembrou que o Campionato de España Infantil e Cadete acollerá esta fin de semana a máis dun milleiro de rapaces e rapazas de entre 12 e 15 anos, dos que, o 37% (preto de 400) serán galegos. O mandatario galego recordou que en tres das catro clasificacións -masculina infantil, feminina infantil e masculina cadete- lidera un equipo galego, o Club de Mar Ría de Aldán, mentres que na clasificación feminina cadete, o Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra transita pola segunda posición, polo que amosou o seu convencemento de que poida haber un pleno de vitorias galegas.

Lete Lasa animou aos cativos a seguir o exemplo dos once padexeiros -récord histórico- que terá Galicia nos vindeiros Xogos de París: Carlos Arévalo, Rodrigo Germade, Teri Portela, Sara Ouzande, Carolina García, Antía Jácome, Diego Domínguez, Pablo Crespo e Manu Ochoa nos olímpicos; así como Adrián Mosquera e Araceli Menduíña nos paralímpicos. Este aumento de nivel e de resultados, dixo o secretario xeral, vai parello á aposta que se realiza desde a Xunta de Galicia que, dende 2009, leva investidos no piragüismo galego uns 14 millóns de euros. Mentres en 2009, a achega da Secretaría Xeral para o Deporte era de medio millón de euros, hoxe supera os 1,5 millóns de euros anuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024