A Xunta e a Fegamp retoman as reunións da comisión técnica para a delimitación das competencias autonómica e local

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu unha nova reunión deste organismo que está a avaliar as propostas de ambas administracións para clarificar que servizos debe asumir cada unha delas

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe xunto con representantes da Xunta e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) unha nova reunión da comisión técnica de delimitación competencial no ámbito da administración local de Galicia. Deste xeito, retómanse os encontros para continuar a clarificar as competencias de cada administración.

Tras a constitución deste organismo en abril do ano pasado celebráronse varias reunións co obxectivo de avaliar as propostas da Xunta -o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago (USC)- e a Fegamp.

Na reunión de hoxe designáronse novos membros da comisión. Ademais, o obxectivo é continuar a traballar para obter o máximo consenso posible na maioría das áreas que se están a abordar, polo que se prevé que a seguinte reunión se celebre o próximo 4 de  outubro para abordar as competencias en materia educativa, sanidade, emerxencias e do servizo de axuda ao fogar. A previsión é que o organismo se reúna cada dous meses.

A Xunta destaca que co traballo a través deste organismo trátase de, primeiro, valorar que competencias debe asumir cada administración e en que parte -Xunta, Goberno central, deputacións provinciais e entidades locais- e de forma rigorosa avaliar se cada unha está a asumir os seus compromisos, así como cuantificar canto custa a prestación de cada servizo e os recursos dispoñibles -en Galicia de media as contías son máis elevadas pola dispersión e o envellecemento da poboación-. En definitiva, a través desta comisión búscase evitar duplicidades coa finalidade última de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024