A conselleira María José Gómez visitou a planta de Leche Celta en Pontedeume

Medio Rural reafirma a aposta pola transformación do leite en Galicia e avoga pola colaboración entre os axentes do sector a prol da súa sustentabilidade

A titular da Consellería valorou os investimentos desta industria láctea en innovación e mellora das súas instalacións, para os que recibiu o apoio da Xunta

Ademais, reiterou o compromiso do Goberno galego polo fomento da cooperación e o entendemento entre os axentes da cadea de valor do leite, destacando especialmente o papel dos gandeiros

Pontedeume (A Coruña), 18 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe as instalacións da planta de Leche Celta en Pontedeume, onde reafirmou a aposta do Goberno galego polo fomento da colaboración entre os axentes do sector lácteo a prol da súa sustentabilidade, así como pola transformación do produto para darlle valor engadido.

Nesta liña, a titular de Medio Rural avogou polo “entendemento e cooperación entre a industria, a distribución e os gandeiros, que son a parte máis sensible da cadea de valor”, ademais de reafirmar o traballo da Consellería para ter “uns prezos adecuados que permitan aos produtores cubrir os seus custos e obter unha marxe de beneficio” e para continuar reducindo o diferencial entre o que perciben os gandeiros da nosa comunidade respecto a outras da contorna.

María José Gómez destacou tamén o investimento da empresa en mellorar as súas instalacións e a elaboración do produto, xa que dende o 2017 Leche Celta destinou máis de 18 millóns de euros a estas cuestións, cunha axuda xestionada pola Xunta que se aproxima aos cinco millóns de euros. Así, entre outros avances, a compañía está desenvolvendo unha nova liña de enchido aséptico, que permite elaborar os envases sen a capa interior de aluminio.

Ademais, a conselleira salientou o compromiso do Executivo autonómico coa transformación e comercialización de produtos agrarios, que se manifesta a través de axudas por valor de 30 millóns de euros na convocatoria de 2024, das cales unha parte importante corresponden ao sector leiteiro. Algo que se complementa coa Estratexia de dinamización sectorial, para garantir o seu futuro sustentable e promover a transformación do leite en Galicia.

Leche Celta S.L.U.

Leche Celta conta en Pontedeume cun cadro de persoal de 244 traballadores e procesa anualmente arredor de 200 millóns de litros de leite de gandarías galegas, dos que máis de sete millóns corresponden a leite ecolóxico, situándose entre os cinco primeiros compradores de leite na comunidade.

A empresa Leche Celta S.L.U. pertence á compañía portuguesa Lactogal Produtos Alimentares S.A., fundada en 1996 e especializada en leite e produtos lácteos, superando o 60% da cota do mercado portugués do sector. Leche Celta conta con participacións maioritarias en tres centros produtivos dedicados principalmente ao envasado de leite e produtos lácteos situados en Pontedeume, Ávila e Cantabria. No ano 2023, o grupo facturou máis de 340 M € cun volume total de 350 millóns de litros comercializados, tendo en conta tanto as marcas propias como as de distribución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024