A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos Vázquez

Lorenzana destaca o nivel de implantación industrial que rexistra o concello de Curtis, foco de atracción de proxectos sustentables

Apunta que nesta localidade teñen o seu emprazamento catro iniciativas empresariais declaradas prioritarias pola Xunta

Considera que este interese investidor responde á política de incentivos á actividade empresarial que está a levar a cabo o Concello de Curtis, que é un dos 42 Concellos Emprendedores da provincia da Coruña, do total de 157 rexistrados en toda Galicia

Na xuntanza, conselleira e alcalde abordaron a posibilidade de ampliar solo industrial no municipio para seguir facilitando a captación de empresas

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe de relevo o nivel de implantación industrial que rexistra o concello de Curtis, onde se prevé a instalación no parque empresarial de Teixeiro, de catro iniciativas empresariais declaradas prioritarias polo Goberno galego e relacionadas coa sustentabilidade e a economía verde.

Este foi un dos asuntos que se tratou na xuntanza que a conselleira mantivo hoxe co alcalde do municipio, Javier Francisco Caínzos Vázquez. Trátase da planta de cultivo e envasado de arandos que promove Berries Passion (20M€), declarada no Consello da Xunta do pasado luns Iniciativa Empresarial Prioritaria. Tamén, a planta produción de proteínas de orixe vexetal que prevé instalar In Proteins For All (17M€); a que vai desenvolver Greenalia para a produción de fuel verde (311M€); e a de biometano e fertilizantes de Bioetanol Galicia (12M€). En total, suman 360M€ de investimento previsto e a creación de 120 postos de traballo.

Lorenzana considerou que este interese investidor responde á política de incentivos que está a levar a cabo o Concello de Curtis, que é un dos 42 Concellos Emprendedores da provincia da Coruña, do total de 156 rexistrados en toda Galicia. Unha política de incentivos ao investimento empresarial, engadiu, aliñada cos obxectivos de desburocratización e bonificación de solo industrial que xa está aplicando a Xunta de Galicia. 

De feito, na xuntanza, conselleira e alcalde abordaron a posibilidade de ampliar solo industrial no concello para seguir facilitando a atracción de empresas.

A titular de Economía puxo á disposición do Concello o servizo de asesoramento empresarial que presta a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, para canalizar novos proxectos ou identificar nichos de negocio. E, do mesmo xeito, como mostra do compromiso da Xunta coa competitividade industrial, tamén expuxo as vantaxes do plan de aceleración de proxectos industriais para aquelas iniciativas que superen os 800.000 euros de investimento, ou a extensión da figura dos proxectos industriais estratéxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024