A Xunta destina máis de 19 M€ á mellora de camiños rurais, con 583 actuacións nos concellos galegos

María José Gómez fixo balance das actuacións realizadas arredor desta iniciativa no municipio de Carballedo, que contou cun orzamento de preto de 90.000€ a pasada convocatoria e tamén recibirá unha axuda similar para o período 2024-2025

A titular de Medio Rural destacou a importancia do Plan de mellora de camiños rurais para impulsar as infraestruturas e conseguir así a fixación da poboación e a dinamización do tecido produtivo

Hoxe publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución das subvencións concedidas ao abeiro deste Plan da convocatoria actual

Carballedo (Lugo), 16 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde do concello de Carballedo, Julio Yebra-Pimentel, visitou hoxe esta localidade lucense e salientou alí, concretamente no lugar de Fufín, as actuacións realizadas ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais, coñecido como Plan Marco, a través dunha axuda de preto de 90.000€ da convocatoria 2023-2024. A provincia de Lugo recibiu nesta un importe de máis de 4,4 millóns de euros e melloráronse así máis de 150 quilómetros.

Para este ano, a totalidade do orzamento do Plan ascende a case 19,5 millóns de euros, o que supón a cantidade máis alta dende 2017. Cómpre salientar que hoxe publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución das subvencións concedidas na convocatoria actual, de 2024-2025, benefician a 583 camiños e máis de 460 quilómetros. Na provincia de Lugo concedéronse axudas por importe de case 4,4 millóns de euros, que permitirán realizar un total de 153 actuacións en máis de 145 quilómetros de camiños municipais. Unha cantidade de preto de 90.000€ destinarase á mellora de camiños no municipio de Carballedo, na parroquia de Lobelle, nos lugares de Quintela, Vilar de Mulleres e Lobelle de Arriba. O financiamento faise con fondos Feader, con cargo ao Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e son subvencionables camiños de acceso a núcleos rurais de poboación.

O obxectivo do Plan de mellora de camiños rurais é mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural xa que o fortalecemento das infraestruturas facilita a accesibilidade e vertebración do territorio, reforza o tecido social, contribúe a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamiza o tecido produtivo e fixa a poboación. Nesta liña, estas axudas promoven a implantación e reforzo dos servizos demandados pola poboación e o tránsito de vehículos e maquinaria, o que redunda nunha maior axilidade dos traballos agrarios e no mantemento e bo estado, tamén, da propia maquinaria.

Máis de 5.450 camiños mellorados dende 2016

Durante o período 2016-2024, o Plan Marco contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais. 

María José Gómez destacou que dende a Consellería seguen a reforzar esta iniciativa pola súa utilidade e defendeu a medida que “mellora as dotacións existentes de infraestruturas básicas e enmárcase no compromiso de promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. A súa traxectoria remóntase a 2013 e este ano, por primeira vez, compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros. 

En cada convocatoria do Plan repártense entre os concellos galegos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.

 

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240717/AnuncioO90-100724-0001_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024