A Xunta convoca 10 bolsas de formación en proxectos do Centro Ramón Piñeiro de Investigación

Con esta acción, o Goberno galego destina un total de 266.414€ na investigación en relación coa lingua galega e na especialización da mocidade universitaria

As persoas interesadas que cumpran os requisitos establecidos poderán enviar a súa solicitude a través da sede electrónica ata o 16 de agosto

Santiago de Compostela (A Coruña), 16 de xullo de 2024

A Xunta vén de convocar por un importe total de 266.414€ un total de 10 bolsas de formación nos proxectos de investigación que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Esta iniciativa amosa o compromiso do Goberno galego coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega ao tempo que contribúe á especialización das persoas universitarias mediante a súa participación nalgún dos proxectos desenvoltos na actualidade polo Centro Ramón Piñeiro: Bibliografía da literatura galega, Fraseoloxía Galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR, Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.

As persoas interesadas en concorrer á devandita convocatoria poderán presentar as súas solicitudes por vía telemática a través da sede electrónica da Xunta dende mañá ata o 16 de agosto. Unha vez seleccionadas, comezarán as súas actividades de formación aproximadamente o 1 de decembro de 2024 e rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2026.

Xunto coa solicitude, deberán achegar un certificado académico oficial completo, un documento acreditativo dos requisitos específicos, o currículo e un certificado que acredite o coñecemento da lingua galega.

Requisitos de acceso

Poderán solicitar estas bolsas as persoas licenciadas ou graduadas universitarias que, ademais de reunir os requisitos específicos para cada proxecto, posúan a nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea; acrediten o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4 (agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou equivalente); non resultaran beneficiarios dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos co Centro Ramón Piñeiro, e teñan unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6,5 puntos.

Valoración de solicitudes

Unha comisión de valoración será a encargada de examinar as solicitudes presentadas polas persoas candidatas conforme o seguinte baremo e criterios: o expediente académico puntuará ata 10 puntos; a formación complementaria ata 11 puntos; a presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa, ata 3 puntos; e as publicacións individuais e participación en publicacións colectivas de carácter científico, ata un máximo de 3 puntos.

A información completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Data de actualización: 17/07/2024