A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lembra que está aberto o prazo da nova convocatoria para solicitar estas achegas

A Xunta concedeu de 2021 a 2023 un total de 61 axudas en Vigo para obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios que beneficiaron a 1.230 vivendas

O Instituto Galego da Vivenda e Solo mantén aberta a convocatoria deste 2024 das tres liñas para melloras de eficiencia enerxética, dotada con 34,1 M€, e á que xa se presentaron preto de 2.000 solicitudes

María Martínez Allegue visitou un dos inmobles de Vigo nos que se executaron obras o pasado 2023 ao abeiro desta liña de axudas, cunha subvención de 185.600 €

En Galicia, a través desta liña de Edificio concedéronse no citado período 2021-2023 un total de 663 axudas para 7.476 vivendas por importe de 89 M€. Ademais, na liña de axudas do programa Vivenda, foron un total de 2.539 axudas por 7 M€, mentres que no programa para elaboración do Libro de Edificio e Redacción de Proxectos de Rehabilitación repartíronse 645 axudas para 9.043 vivendas por 3,8 M€.

Vigo, 15 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe un encontro coa veciñanza do edificio número 177B da travesía de Vigo, inmoble no que se executaron obras de mellora de eficiencia enerxética ao abeiro da liña de axudas a nivel Edificio que puxo en marcha a Xunta con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Martínez Allegue puido comprobar os traballos realizados no inmoble para mellorar a envolvente térmica e realizar reparacións nas fachadas e na accesibilidade do portal, financiados cunha achega de 185.600 € da Xunta no 2023 co obxectivo de reducir o gasto enerxético en máis dun 50 %. Tamén o bloque A deste inmoble recibira outra axuda no 2019.

A do edificio da travesía de Vigo é unha das 61 axudas que a Administración autonómica concedeu entre 2021 e 2023 na cidade de Vigo a través da liña Edificio e que beneficiaron a 1.230 vivendas, cun investimento de 13,8 M€.

“Para nós é unha satisfacción comprobar como estas axudas que ofrecemos desde a Administración axudan ás comunidades e á cidadanía a continuar avanzando no eido da eficiencia enerxética e no obxectivo máis amplo de acadar unha contorna máis ecolóxica e responsable -sinalou a conselleira-. É unha manifestación da nosa visión compartida para reducir a nosa pegada de carbono e contribuír ao benestar da comunidade”.

Na comunidade galega, a través desta liña de Edificio concedéronse no citado período 2021-2023 un total de 663 axudas, das que se beneficiaron 7.476 vivendas, por importe de 89 M€. Ademais, na liña de axudas do programa Vivenda, foron un total de 2.539 axudas por 7 M€, mentres que no programa para elaboración do Libro de Edificio e Redacción de Proxectos de Rehabilitación foron 645 axudas para 9.043 vivendas, por 3,8 M€.

Convocatoria 2024

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) vén de abrir a nova convocatoria do 2024 destas tres liñas de axudas para a mellora da eficiencia enerxética en vivendas, en edificios de vivendas e para a elaboración do libro do edificio e a redacción de proxectos de rehabilitación por un orzamento global de 34,1 M€, repartidos en 3,5 M€ para a liña de Vivenda; 28,5 M€ para a de Edificio e 2 M€ para a de Libro de Edificio. A conselleira sinalou que se reclamou ao Ministerio unha maior dotación de fondos europeos para estas liñas na entrevista mantida coa ministra de Vivenda en maio, “pero non tivemos resposta”.

Desde a súa publicación o pasado xoves, como subliñou Martínez Allegue, xa se presentaron preto de 2.000 solicitudes. Neste senso, a conselleira animou á cidadanía a solicitar as axudas da liña de Vivenda, que inclúen por exemplo a substitución da carpintería exterior ou ventás, e que contan cunha dotación máxima de 3.000 €.

Os interesados nestas convocatorias poden presentar as súas solicitudes ata o 13 de setembro, agás no caso das axudas para a rehabilitación a nivel de edificio, que contan co prazo dun mes, ata o 12 de agosto. 

Edificio

As axudas para a mellora enerxética de edificios están destinadas a inmobles de tipoloxía residencial colectiva e a vivendas unifamiliares nos que, grazas ás obras para as que se solicita subvención, debe conseguirse unha redución de, polo menos, un 30 % no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable e, ademais, unha diminución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de entre o 25 % e o 35 %, segundo a zona onde estea emprazado o inmoble en cuestión.

A estas axudas poden optar tanto individualmente as persoas propietarias das vivendas, como as cooperativas, comunidades de veciños e empresas arrendatarias ou concesionarias dos inmobles. As axudas poden acadar ata o 100 % do custo da actuación, cun límite de entre 6.300 e 18.800 euros por vivenda. Os locais comerciais ou de outros usos existentes no inmoble poden recibir entre 56 e 168 euros por metro cadrado.

Vivenda

En canto ás axudas do programa de actuacións a nivel de vivenda, están destinadas á mellora enerxética de vivendas de forma individual, tanto se son unifamiliares como se forman parte de inmobles residenciais colectivos. Establécese como requisito que se debe obter unha redución da demanda enerxética de polo menos un 7 %.

Estas subvencións van dirixidas a persoas físicas propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias das vivendas e o importe a percibir será do 40 % do custo da actuación —a partir dun investimento de 1.000 euros—, cun límite máximo de 3.000 euros por axuda.

Libro do edificio e redacción de proxectos

Por último, as axudas para a elaboración do libro do edificio existente e para a redacción de proxectos de rehabilitación integral de edificios están destinadas a propietarios ou usufrutuarios dos inmobles, comunidades veciñais e cooperativas.

Para beneficiarse deste programa, os inmobles obxecto de rehabilitación teñen que estar rematados antes do ano 2000 e polo menos o 50 % da superficie construída sobre rasante debe ter uso residencial. Quedan excluídas do cómputo a planta baixa ou plantas inferiores se teñen outros usos compatibles.

A axuda para o libro do edificio é de 60 euros por vivenda e unha contía fixa de 700 euros —en caso de que se trate de vivendas unifamiliares e inmobles colectivos de ata 20 vivendas— ou de 40 euros por vivenda, máis un fixo de 1.100 euros —para edificios plurifamiliares de máis de 20 vivendas—. O límite máximo da axuda é de 3.500 euros.

Polo que respecta á elaboración de proxectos de rehabilitación, a contía da subvención tamén variará en función do tamaño do inmoble: 700 euros máis un fixo de 4.000 euros no caso de vivendas unifamiliares e inmobles colectivos de ata 20 vivendas; ou ben 300 euros por vivenda e 12.000 euros, cando se solicite para inmobles de máis de 20 vivendas. Neste caso, o límite a percibir sitúase en 30.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024