O director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o alcalde de Lalín presentaron a nova ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA) de Enfermería

A ambulancia de Soporte Vital Avanzado de enfermería de Lalín asistiu 62 persoas desde a súa incorporación á rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061

Vén reforzar, desde o pasado día 1 de xuño, a cobertura sanitaria ás urxencias e as emerxencias das máis de 35.000 persoas dos concellos da comarca

O 60% dos servizos foron traslados a un centro hospitalario, o 26% asistencias no punto, o 11% traslados a Atención Primaria e o 3% transferencias a unha ambulancia de SVA medicalizada

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2024

O director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, xunto co o alcalde de Lalín, José Crespo, e o director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Felipe Calle, presentaron hoxe a ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA) de Enfermería con base no concello. Este recurso asistencial vén reforzar, desde o pasado día 1 de xuño, a cobertura sanitaria ás urxencias e ás emerxencias das máis de 35.000 persoas dos concellos da comarca. 

Durante a presentación, o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 expuxo os datos da actividade da ambulancia de SVA de Enfermería de Lalín nos últimos 40 días. Neste período, a ambulancia mobilizouse en 64 ocasións para asistir a 62 persoas. Delas, 34 foron homes e 28 mulleres. 

Patoloxías máis atendidas

Respecto ás patoloxías máis atendidas, o 38% foron asistencias a iniciativa de Atención Primaria, o 16% mareos, o 15% alteracións da conciencia, o 8% caídas e o 5% asistencias por dor. Outras patoloxías atendidas foron asistencias por febre, por accidentes de tráfico, por fatiga e por alteracións da conduta que supoñen cada unha un 2% das asistencias realizadas.

Ademais, no 60% dos servizos os pacientes foron trasladados a un centro hospitalario, no 26% foron asistidos no punto, no 11% foron a Atención Primaria e no 3% dos servizos foi necesaria a transferencia do paciente a unha ambulancia de SVA medicalizada.

Pola súa banda, o alcalde Lalín subliñou a relevancia deste recurso asistencial para realizar traslados de pacientes e garantir a prestación dos tratamentos durante longos traxectos, sen necesidade de mobilizar ao equipo de Atención Primaria do centro de saúde de referencia.

Crespo lembrou que a incorporación deste recurso asistencial de SVA mellora os tempos de asistencia á poboación e incrementa a calidade asistencial a través da atención presencial daqueles pacientes que necesiten coidados de soporte vital avanzado. 

A decisión de incrementar a Rede de transporte sanitario urxente terrestre do 061 cunha ambulancia de SVA de Enfermería con base en Lalín, destacou o rexedor dezá, confirma o compromiso da Xunta de Galicia para mellorar a atención ás urxencias e as emerxencias neste concello e na súa área de referencia.

Cómpre salientar que todas as ambulancias de SVA da Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, sexan medicalizadas ou de Enfermaría, son vehículos cuxo equipamento e dotación permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.

Ademais, a asistencia sanitaria realizada polo persoal sanitario do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real, desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024