A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e Stellantis Vigo promoven unha nova campaña de doazón de sangue

A factoría viguesa acolle durante os días 16, 17 e 18 xullo a terceira das catro visitas anuais que ADOS ten programadas durante o ano 2024

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desenvolve nesta semana a terceira campaña anual de doazón de sangue nas instalacións de Stellantis Vigo. Ao longo do martes 16, mércores 17 e xoves 18 de xullo, a Axencia desprazará varias unidades móbiles, nas quendas de mañá, tarde e noite, para facilitar que os traballadores e traballadoras da empresa viguesa poidan realizar o xeneroso xesto da doazón de sangue.

No que resta do presente ano, ADOS ten proxectado efectuar unha cuarta campañas máis en Stellantis Vigo e quere poñer en valor a contribución deste centro vigués, que suma 75.513  doazóns dende o 1995, ano no que comezaron as colectas de sangue nesta significativa factoría galega. ADOS quere amosar o seu máis sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros industriais do tecido produtivo galego que, dende sempre, ten dado mostras do seu compromiso co solidario xesto da doazón.

Traxectoria solidaria

Hai 29 anos que o centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta compañía como un referente no ámbito estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.
 
Resaltar que grazas á colaboración dos profesionais da factoría viguesa que doaron sangue nesta segunda campañas anual promovida por ADOS, poderán realizarse 297 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 118 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS quere poñer en valor a implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, pois unha iniciativa desta magnitude require dunha gran coordinación e implicación de cada un dos departamentos que conforman a factoría viguesa, circunstancia que pon de manifesto, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta compañía a prol do solidario xesto da doazón de sangue.

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024