Rueda reúnese coa embaixadora de Alemaña para impulsar as relacións económicas e turísticas

Nos últimos anos incrementáronse o volume de exportacións, importacións e tamén a cifra de viaxeiros

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro de traballo coa embaixadora da República Federal de Alemaña en España, Maria Margarete Gosse.

No encontro abordaron o estado das relacións comerciais. Nos últimos anos veuse rexistrando un aumento no volume de exportacións de Galicia a Alemaña e o país centroeuropeo é, actualmente, o 4º mercado receptor das exportacións galegas. Do mesmo modo, nos últimos tempos tamén se foi incrementando o volume de importacións procedentes deste país.

Dentro dos aspectos económicos, Rueda e Gosse fixeron unha mención aparte a todo o que ten que ver cos produtos pesqueiros, nos que Galicia é un referente e Alemaña, un mercado moi atractivo. De feito, é o cuarto país da UE con maior consumo de produtos pesqueiros, ademais dun importante centro de distribución dos mesmos.

Por último, tamén avaliaron as relacións turísticas e culturais a través do Camiño de Santiago e, en xeral, o incremento de turismo alemán en Galicia. Así, o país centroeuropeo foi o terceiro mercado estranxeiro máis importante no Camiño e, tendo en conta as estatísticas turísticas, en 2023 visitaron a nosa comunidade autónoma 165.000 viaxeiros alemáns, un 24% máis que en 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024