A Xunta amplía en máis de 1,5 M€ o investimento destinado ás axudas para a mellora da accesibilidade dos edificios residencias e as vivendas

A Xunta incrementa a dotación inicial da convocatoria lanzada en marzo deste ano por un importe que superaba os 9,4 M€, e que con esta ampliación rolda en total os 11M€

O obxectivo é atender á importante demanda de solicitudes xa recibidas, cuxo prazo xa está rematado

As actuacións subvencionables terán como fin facilitar a adaptación tanto interior como exterior de inmobles de tipo residencial a través, por exemplo, da instalación de ascensores e salva escaleiras, así como de calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nas propias vivendas e edificios, e nas vías de evacuación

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do Instituto Galego de Vivenda, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se amplían en máis de 1,5 M€ as axudas para mellorar a accesibilidade tanto en edificios residenciais colectivos como en vivendas individualmente.

A Xunta mediante este incremento do orzamento ten por obxectivo atender á importante demanda de solicitudes xa recibidas, que superan o milleiro, manténdose os prazos nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destes incentivos lanzada o pasado mes de marzo, por un importe de algo máis de 9,4M€. É dicir,  a ampliación da cuantía, das axudas non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes.

Con esta ampliación de crédito, a Xunta destinará un orzamento total que rolda os 11 M€.

O obxectivo destas axudas é apoiar á cidadanía no financiamento de obras e instalacións que contribúan a eliminar barreiras arquitectónicas, faciliten o acceso ou favorezan a autonomía e a mobilidade tanto en construcións unifamiliares como en edificios de tipo residencial colectivo e nas vivendas que os integran. Ademais, as actuacións poderán realizarse non só dentro dos inmobles senón tamén nos espazos comúns, como xardíns ou zonas deportivas, e naqueles que serven para comunicalos co exterior.

Entre as obras subvencionables inclúense, por exemplo, a instalación de ascensores, salva escaleiras, costas ou mecanismos motorizados para abrir portas; as reformas dos accesos desde víaa pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos, táctiles ou sonoros; dispositivos electrónicos de comunicación co exterior; a aplicación de domótica e outra tecnoloxía que favoreza a autonomía persoal; e calquera intervención que facilite a accesibilidade universal no interior das vivendas, nos propios edificios, así como nas vías de evacuación.

En canto aos beneficiarios, poderán acollerse ao programa persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou inquilinas dos inmobles, comunidades veciñais, sociedades cooperativas e empresas construtoras, propietarias ou arrendatarias dos edificios.

Con carácter xeral, as axudas cubrirán, como máximo, o 60 % do custo da actuación que se acometa, aínda que esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 % se en a vivenda ou no edificio reside unha persoa con discapacidade ou que sexa maior de 65 anos.

Ademais destas limitacións, a contía das subvencións será variable e dependerá tanto da tipoloxía e características dos inmobles como das circunstancias dos seus residentes. Así, se se trata dunha casa unifamiliar illada ou agrupada o beneficiario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible e cando a subvención solicítese para intervir sobre un edificio residencial, concederase un máximo de 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída no caso dun local comercial. Por último, se a solicitude ten por obxecto intervir sobre unha vivenda emprazada nunha edificación de tipo colectivo, o importe da axuda da Xunta non superará os 6.000 euros.

Con independencia da tipoloxía dos inmobles, que terán que ser anteriores a 2006, a subvención chegará ata os 15.000 euros por vivenda se en ela reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros acredítase ter un grao de discapacidade do 33 % ou superior. Ademais, para acollerse ás axudas deste ano as actuacións non poderán iniciarse con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin estar finalizadas a día de hoxe.

Así mesmo, o prazo de execución das obras no caso de vivendas unifamiliares non poderá exceder os 12 meses, mentres que para os edificios de tipoloxía residencial colectiva será de 24 meses tendo en conta que as intervencións neste tipo de inmobles adoitan ser máis complexas e requiren de máis tempo. En calquera caso, as actuacións subvencionadas deberán estar finalizadas antes de 1 de decembro do ano que vén.

En 2022 o orzamento asignado a esta liña foi de 4,3 millóns de euros e ante a elevada demanda detectada, a dotación da segunda convocatoria incrementouse ata os 9 millóns, contía que se volveu a reforzar este ano, alcanzando os 9,42 millóns de euros.

No período 2022-2023 a Xunta concedeu 364 axudas directas para facer máis accesibles vivendas e edificios de carácter residencial. O importe outorgado superou os 12 millóns e grazas a estas subvencións, propietarios particulares, comunidades e inquilinos puideron executar melloras e adaptacións en case 2.000 vivendas no conxunto de Galicia.

Data de actualización: 15/07/2024