Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, formalizaron hoxe o convenio de colaboración

A Xunta reforza a atención ás vítimas de violencia ou agresión sexual a través da colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Instituto de Medicina Legal de Galicia

Os procedementos previstos incidirán na garantía da cadea de custodia na recollida de mostras e outras evidencias que poidan contribuír á acreditación das violencias sexuais

Profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia formarán a persoal da sanidade pública galega na atención destes casos

O acordo marco de colaboración inclúe outras medidas no ámbito da morte súbita de persoas novas e da atención do suicidio

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron hoxe un convenio para potenciar a colaboración entre o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) en materia de violencia ou agresión sexual e noutras actividades de interese sanitario. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora do Imelga, Noemí Morte.

Deste xeito, reforzase a colaboración entre os profesionais sanitarios do Sergas e os do Imelga co obxectivo de garantir unha atención e asistencia en condicións de privacidade, seguridade e confidencialidade a vítimas de agresións sexuais.

Por unha banda, esta liña permanente de colaboración pretende que a asistencia ás vítimas sexa o máis estrita posible desde o punto de vista da proba, de maneira que a recollida de mostras e outras evidencias contribúan a acreditar casos de violencias sexuais, mantendo a cadea de custodia.

Ademais, os profesionais do Imelga encargaranse da formación específica e multidisciplinar dos profesionais do Sergas neste ámbito, tendo en conta a experiencia acreditada do persoal do instituto na xestión e abordaxe destes casos. Nesta liña, mesmo se contempla a posibilidade de establecer rotacións na formación dos MIR nese ámbito de actividade.

Así, tal e como se recolle no acordo marco, as experiencias compartidas tanto con actividades de formación como na elaboración dos protocolos actuais axudará mesmo a adaptar os partes de lesións ás casuísticas que se poden dar en situacións de violencia ou agresión sexual, incluíndo a violencia na infancia e adolescencia.

O Imelga concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense e dentro da pericia médico forense constan as valoracións médicas de lesión por agresión de violencia de xénero ou de agresións sexuais.

O acordo asinado hoxe establece tamén a mellora das salas de autopsias nos centros do Sistema Público de Saúde de Galicia para que os profesionais da medicina forense poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións. Coa mesma finalidade, habilitarase o acceso dos médicos forenses do Imelga á información da historia clínica electrónica para realizar unha primeira atención ás vítimas de violencia ou agresión sexual nos casos nos que non existan investigacións xudiciais.

Nos temas de mutuo interese e obxecto de colaboración inclúese a automatización do intercambio de datos en materias como a prevención de suicidios ou as mortes como consecuencia de reaccións adversas a drogas de abuso, no marco do Plan de Saúde Mental de Galicia.

Colaborarase tamén na prevención da morte súbita para efectos da realización de estudos xenéticos, xa que o Sergas dispón dunha unidade de referencia para o Sistema Nacional de Saúde para o manexo de pacientes con cardiopatías familiares situada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

A Estratexia Galega de Saúde 2030 contempla o fomento da colaboración intersectorial e entre consellerías dentro das súas competencias e, así, as dúas entidades autonómicas van colaborar tamén na mellora da xestión dos certificados de defunción e en proxectos de investigación conxunta en materias de interese sanitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024