O 061 de Galicia asistiu 55 persoas por 45 accidentes de tráfico durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 12 de xulllo ata as 23,59 horas do domingo, 14 de xullo, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 59 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 15 de xullo de 2024

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 55 persoas debido a 45 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 12 de xullo, ata as 23,59 horas do domingo, 14 de xullo. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 22 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 59 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 45 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 55 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 66% e do 34% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 32% dos atendidos tiña entre 50 e 64 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 19 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

19

Lugo

5

Ourense

4

Pontevedra

17

Galicia

45

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 55. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en oito accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 41 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes.

En 49 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en cinco ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024