O presidente da Xunta asiste á entrega dos premios da Cata de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2024

Rueda salienta o papel do sector vitivinícola á hora de dinamizar a economía galega e atraer turistas á comunidade

A comunidade conta con máis de 10.000 viticultores e produtores, 500 adegas e 14 indicativos de calidade

A Xunta busca consolidar Galicia coma referente internacional neste eido cunha Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas e axudas ao sector para a reconversión de viñedos, a promoción ou a comercialización dos produtos

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde que o sector vitivinícola é un dos piares da economía galega ao dinamizar e xerar emprego de calidade no rural, exercer como embaixador do selo Galicia calidade e atraer turismo á comunidade durante todo o ano.

Durante a entrega dos premios da XXXVI Cata de Viños de Galicia, a XXVI Cata de augardentes e a XII de Licores tradicionais que se celebrou en Santiago, Rueda fixo fincapé na calidade e excelencia dos viños e bebidas espirituosas que se producen na comunidade e que contribúen ao pulo que está a vivir o turismo enogastronómico en Galicia.

Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente agradeceu o traballo e compromiso diario dos máis de 10.000 viticultores e produtores e as 500 adegas e 16 destiladores que hai en Galicia que permiten que a comunidade conte con 14 indicativos de calidade entre denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.

A Xunta traballa desde hai anos para consolidar Galicia coma un referente internacional do sector vitivinícola. Por iso, ten en marcha a Estratexia de Dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e destinou máis de 10 millóns este ano en axudas específicas para a reconversión dos viñedos; a promoción dos viños no estranxeiro ou para a elaboración e comercialización deste produtos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024