Medio Rural amplía a formación do persoal técnico asesor con cursos sobre incorporación de activos ao agro e enxerta na vide

A primeira acción formativa terá lugar o vindeiro venres, 19 de xullo, na Cidade da Cultura de Galicia e vai dirixida ás persoas que asesoran ou acompañan a incorporación de novos agricultores

O segundo curso impartirase o 23 de xullo, en lugar por determinar, e versará sobre a enxerta na vide

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2024

A Consellería do Medio Rural organiza dous cursos para a formación dos profesionais das oficinas rurais e outro persoal técnico que terán lugar nos vindeiros días e que se centrarán na titorización para a incorporación ao agro, por un lado, e na enxerta na vide, por outro.

A primeira destas accións formativas desenvolverase o vindeiro venres, día 19 de xullo, na Cidade da Cultura de Galicia. Enmárcase no proxecto Terractiva e vai dirixida a persoal técnico agrario de oficinas rurais. A iniciativa Terractiva é un grupo operativo da Asociación Europea da Innovación financiado con fondos Feader, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

O obxectivo deste proxecto é mellorar as capacidades técnicas e a xeración de recursos para apoiar as novas incorporacións á actividade agraria. Está pensado para o uso directo de entidades e persoas que acompañan aos novos agricultores durante a súa instalación, tales como titoras, asesoras ou facilitadoras. Xa que logo, esta é unha xornada dirixida ás persoas que asesoran ou acompañan a incorporación de novos agricultores, en liña coa aposta polo acompañamento e titorización que avanzou recentemente a conselleira do Medio Rural, María José Gomez.

O segundo dos cursos impartirase o vindeiro día 23 de xullo, en lugar por determinar, e está tamén dirixido a persoal técnico asesor de Medio Rural e doutras entidades (estes últimos poderán asistir sempre que haxa prazas). Versará sobre a enxerta na vide e o seu programa inclúe, entre outras ensinanzas, as relativas á viticultura post filoxera, á importancia da enxerta no cultivo de viñedo e á repoboación mediante enxerta. Así, abordaranse conceptos básicos, técnicas, ferramentas e materiais, así como a enxerta en campo e de taller. Esta xornada formativa desenvolverase en horario de mañá e será impartida por Xosé Antonio Meixide, técnico cun amplo percorrido profesional vinculado ao agro e que actualmente é xefe de sección do departamento de Pastos e Cultivos no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Data de actualización: 13/07/2024