Villares defende que o sector marítimo pesqueiro de Galicia non se entendería sen a xente do mar

Viveiro (Lugo), 13 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este sábado na presentación do libro Barcos y Gentes del Mar de A Mariña, xunto ao autor da publicación, José Pino González, e aos dous historiadores, investigadores e divulgadores sobre temas náuticos das vilas mariñeiras, Juan Antonio Zayo “Coyote” e Luis Javier Escudero. Precisamente, no transcurso da súa intervención, o responsable autonómico manifestou claramente que o sector marítimo-pesqueiro de Galicia non se entendería hoxe sen todas as persoas que viven e se dedican a el.

Segundo Villares, son profesionais que fan un traballo impagable e que, no caso concreto da Mariña, converteron a esta comarca nunha indiscutible referencia pesqueira galega. E é que os datos así o corroboran. Os dous portos -Burela e Celeiro- son, en conxunto, o segundo dos país por facturación. En 2023, venderon máis de 16.000 toneladas de pescada; o que supuxo un volume de negocio de máis de 78 millóns de euros. Asemade, exportaron case 26.000 toneladas dese produto por valor de máis de 100 millóns.

Pino González é patrón vocacional e armador do arrastreiro Pino Ladra, con base en Celeiro, e afeccionado á arqueoloxía dos barcos. De feito comezou a faenar no verán con pouco máis de trece anos. É mariño mercante de formación e andivo sempre en barcos conxeladores e no pincho ao Gran Sol. Por iso, para o titular de Mar, esta obra debe ser posta en valor, pois contribúe a dar voz a todo un sector que debe ser apoiado dende as administracións para asegurar as súa continuidade e viabilidade dende o punto de vista da remuda xeracional e no que predominen decisións que garantan o seu equilibrio e sustentabilidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/07/2024