A Xunta lembra que permanece aberta a convocatoria de apoios para impulsar a actividade de empresas de base tecnolóxica e a xeración de emprego cualificado

Os apoios, cuxo prazo remata o 30 de setembro, inclúen achegas para os gastos do primeiro ano, as contratacións indefinidas, a conciliación e a función de xerencia 

Por cada contratación indefinida no primeiro ano poderá recibirse un mínimo de 6.000 euros que se verán ampliados este ano a 8.000 no caso de que se incorporen desempregados menores de 30 anos, mulleres ou emigrantes retornados

As persoas beneficiarias poden optar a 3.000 euros para contratar servizos de coidado de menores e maiores e de ata 10.000 para formación en toma de decisións e/ou contratación de análises ou estudos externos para a mellora da actividade 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2024

A Xunta impulsa iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) nas que investirá medio millón de euros para atender os gastos destes emprendedores durante o primeiro ano de actividade, con achegas de ata 24.000 euros para a creación directa de emprego estable ou de ata 30.000 para o inicio e posta en marcha da actividade. 

Este programa, con 23 anos de traxectoria, busca alentar o espírito emprendedor entre persoas investigadoras e tituladas universitarias. A Xunta quere favorecer que o resultado dos seus traballos desemboquen na creación de iniciativas empresariais e dinamizar, así, o emprego científico e tecnolóxico. 

Previa cualificación realizada por equipos especializados -para asegurar mellores perspectivas de consolidación e permanencia dos proxectos- , esta medida artella apoios económicos para facilitar o lanzamento das iniciativas en catro eidos: para a creación directa de emprego estable (achegas de ata 24.000 euros), inicio e posta en marcha da actividade (ata 30.000), conciliación da vida persoal, laboral e familiar (ata 3.000 euros) e apoio á función xerencial (máximo 10.000 euros).  

A axuda mínima de 6.000 euros por persoa desempregada incorporada para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento verase ampliada este ano, por primeira vez, ata os 8.000, nos casos nos que o traballador sexa menor de 30 anos ou maior de 52, sexa muller ou se trate dun emigrante retornado ou estranxeiro. Ademais seguiranse a incrementar as achegas cun 25% extra acumulables se o centro de traballo se atopa nun concello rural, entre outros supostos.

Os gastos de posta en marcha da actividade inclúen os derivados dos servizos de notaría e rexistro, compra de materias primas, arrendamento do local ou equipamentos, seguro, publicidade e páxinas web. 

Os apoios á conciliación, permitirán sufragar ata o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes que contraten os impulsores das iniciativas e, os apoios económicos á  función xerencial, inclúen achegas para a formación do empresario e/ou para a realización externa de análises,  estudos ou informes. 

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro. 

O impulso do emprendemento especializado en tecnoloxías supón un piar fundamental para captar e manter o talento neste relevante sector para a economía galega, integrado por máis de 3.000 empresas, que dan emprego a  22.000 persoas.

Ligazón á convocatoria no Diario Oficial de Galicia: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240409/AnuncioG0656-260324-0001_gl.html

Data de actualización: 13/07/2024