A Xunta destinou preto de 300.000 euros á mellora das infraestruturas rurais de Castroverde

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán, participou na inauguración do acondicionamento e ampliación do Centro Multiusos e visitou tamén a reforma realizada na oficina rural desta localidade luguesa

Castroverde (Lugo), 12 de xullo de 2024

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Jorge Atán, destacou hoxe o investimento da Xunta na mellora das infraestruturas rurais de Castroverde. Neste concello lugués, Atán participou na inauguración do acondicionamento e ampliación do Centro Multiusos e visitou tamén a oficina rural da localidade.

En relación co Multiusos, esta edificación recibiu unha axuda Leader de 200.000 euros, a través do GDR 4 ADR Comarca de Lugo e xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que permitiu dotala cun amplo local de máis de 200 m² de superficie útil. Este espazo está pensado para acoller numerosos actos de carácter sociocultural que ata o de agora non tiñan un lugar adecuado para celebrarse.

Ademais, os traballos serviron tamén para acondicionar outros locais para asociacións, así como unha biblioteca municipal, unha sala de lectura e diversos almacéns de apoio. A maiores, instaláronse tamén uns aseos e un ascensor que comunica as dúas plantas do edificio.

Con respecto á oficina rural, Jorge Atán subliñou o investimento realizado pola Consellería para o seu acondicionamento xeral, que superou os 96.000 euros. Con este orzamento, realizáronse traballos de pintura en paredes e teitos, mellora térmica e da iluminación, reparación da carpintería interior e dotación dun posto de videoconferencia e de almacén.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024