A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a unidade do concello da Estrada que atende a 40 nenos de 0 a 6 anos

A Xunta reforzará o sistema de atención temperá coa creación de doce novas unidades e a ampliación do persoal nas xa existentes

A nova orde de axudas destinada a concellos está dotada de 15,8 millóns de euros 

No ano 2009 existían dúas unidades deste tipo na nosa Comunidade que, tras a aposta do Goberno galego, se incrementou ata as máis de 40 

A Estrada (Pontevedra), 12 de xullo de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou esta mañá a unidade de atención temperá da Estrada financiada polo Goberno galego. Durante a visita, lembrou que a nova orde de axudas para estes centros permitirá a creación de doce novas unidades, consolidar as existentes e a ampliación do persoal.

Fabiola García sinalou que esta orde de axudas, aprobada recentemente polo Consello da Xunta, contará con 15,8 millóns de euros. Neste sentido, puxo en valor a rede de atención temperá impulsada pola Xunta que ofrece atención a nenos de 0 a 6 anos con posibles problemas de desenvolvemento e ás súas familias. A unidade da Estrada, posta en marcha no ano 2019, presta atención a 40 nenos. 

A conselleira sinalou que a aposta do Goberno galego por este servizo permitiu pasar de dúas unidades de atención temperá abertas no ano 2009, ás máis de 40 que existen na actualidade e que dan cobertura a máis de 200 concellos. Destacou que con esta medida procúrase mellorar a calidade de vida das familias e favorecer que conten con servizos de atención ao carón das súas casas, sen necesidade de trasladarse a unha cidade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024