Na presentación do libro do La Proteína Azul, do reputado experto en política pesqueira comunitaria, Ernesto Penas

Villares reitera o apoio da Consellería do Mar para incentivar o consumo dos produtos pesqueiros como garantía da salubridade da poboación e da sustentabilidade do sector

En aras a impulsar políticas construtivas e útiles á cidadanía, apelou, unha vez máis, á responsabilidade do Goberno central, que segue sen rebaixar o IVE destes produtos, a sabendas de que son indispensables para crear un sistema alimenticio sostible e xusto

Eríxese, novamente, en defensa do sector, pois o Executivo estatal non ten escusas para non rebaixar este tipo impositivo, sobre todo cando o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, entre outros organismos, así o avalan 

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, fixo un chamamento á poboación para que non deixe de consumir os produtos pesqueiros galegos de cara a garantir a salubridade das persoas e a sustentabilidade do sector. Esta foi a principal mensaxe que o responsable autonómico quixo trasladar na presentación do libro de Ernesto Penas, La Proteína Azul, que tivo lugar esta mañá en Santiago e contou coa presenza do editor de Almuzara Libros, Manuel Pimientel.

Alfonso Villares comprometeu así o apoio do departamento que dirixe a seguir traballando para contribuír a reverter os últimos datos que reflicten un claro descenso da inxesta de peixe nos fogares, e que en Galicia, na última década, malia ser a comunidade que máis freou a caída, se sitúa no 24%. Neste senso, e en aras de impulsar políticas construtivas e útiles á cidadanía, apelou, unha vez máis, á responsabilidade do Goberno central, que segue sen rebaixar o IVE destes produtos, a sabendas de son indispensables para crear un sistema alimenticio sostible e xusto. E é que o titular de Mar non entende esta decisión unilateral do Executivo estatal, pois aplicar unha redución deste imposto conlevaría consecuencias notablemente positivas á hora de incentivar o movemento no mercado, estimulando a demanda interna e mellorando as previsións de crecemento económico; aliviaría a situación das familias, especialmente daquelas con menos ingresos; e, en terceiro lugar, suporía amplos beneficios na saúde dos consumidores. 

Por este motivo, Villares erixiuse, novamente, en defensa do sector, pois o Goberno non ten escusas para non rebaixar este tipo impositivo, sobre todo cando o Parlamento Europeo e a Comisión Europea así o avalan, e tanto a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, como o Observatorio do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura, tamén sinalaron como positiva esta medida para frear incluso a inflación. Ademais, o Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da USC presentou un estudo que certifica que a súa adopción redundaría nun aumento do consumo, na creación de emprego e da riqueza.

Por este motivo, Alfonso Villares felicitou a Ernesto Penas por poñer en valor que a pesca produce a proteína animal máis saudable do mundo e ten unha pegada de carbono e un impacto sobre a biodiversidade máis baixos que os de moitos outros sistemas de produción de alimentos en terra.

Dilatada traxectoria

O autor da publicación dispón dun amplo coñecemento sobre a materia, tanto pola súa formación, como pola súa traxectoria profesional. Tras 10 anos traballando en ecoloxía mariña e dinámica das poboacións pesqueiras no Instituto Español de Oceanografía, en 1986 incorporouse á Comisión Europea, onde foi director de Coordinación e Desenvolvemento de Políticas na Dirección Xeral de Asuntos Mariños e Pesca; director de Mar Báltico, Mar do Norte e Estados membros sen litoral; xefe de Unidade de Política de Conservación e de Política Pesqueira Común e Acuicultura ata 2009. 

Entre outras responsabilidades, foi negociador da UE e responsable da última reforma da PPC, en 2013. Tamén ocupou en 1990 e 1993 o cargo de director xeral de Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia e, na actualidade, é presidente da Comisión Internacional do Atún Atlántico; membro do Fisheries Expert Group do European Bureau of Conservation and Development do International Union of Conservation of Nature; e asesor do Food and Agriculture Organization das Nacións Unidas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 12/07/2024